Proxectan a renovación integral do parque infantil de Aguiúncho, en San Andrés de Cesar
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis proxecta a mellora e renovación integral do parque infantil do núcleo rural de Aguiúncho, na parroquia de San Andrés de Cesar, unha actuación moi demandada pola cidadanía e que terá un orzamento de execución aproximado de 23.000 euros.
Para poder levar a cabo esta actuación, o Goberno local levará ao próximo pleno a inclusión deste parque infantil no Inventario Municipal de Bens, para o seu debate e aprobación por parte da Corporación.
A actuación incluirase nos proxectos solicitados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e o concelleiro de Obras e delegado da parroquia de San Andrés de Cesar, Manuel González, destaca que se enmarca no Plan Municipal de Desenvolvemento de Parques Infantís.
O Concello está realizando unha serie de auditorías sobre as diferentes áreas de xogo do municipio para comprobar a súas condicións de mantemento e seguridade co obxecto de acabar actuando en todos eles. Neste caso, o Concello destaca que "a necesidade de actuar é patente debido a que se trata dun parque de importante antigüidade no que o paso do tempo foi provocando o deterioro da instalación".
Segundo informou o Concello, vaise desmontar a actual instalación e procederase á limpeza e preparación da soleira de formigón existente para a execución do novo pavimento do parque, que será de caucho continuo bicapa, específico para este tipo de áreas de xogo.
A continuación, dotarase dun novo tobogán de aluminio lacado, unha nova randeeira para dous usuarios e catro bancos.