Só dous positivos no cribado masivo entre os bachareis de Pontevedra e un entre os universitarios
Por Oskar Viéitez
A Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés informou de dous casos positivos nas mostras PCR tomadas ao alumnado de primeiro e segundo de bacharelato da cidade de Pontevedra.
O Servizo Galego de Saúde iniciou o pasado 1 de decembro un cribado masivo nos institutos Sánchez Cantón, Xunqueiras 1 e 2, Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Torrente Ballester, Sagrado Corazón e Los Sauces. Participaron voluntariamente 1.480 alumnos dos 1.760 convocados.
A realización de probas PCR continúa agora polos centros educativos de Marín, Sanxenxo, Cambados, O Grove e Poio, onde a poboación diana é de 1.050 alumnos.
CAMPUS DE PONTEVEDRA
Entre os universitarios da Boa Vila, atendendo aos últimos casos analizados, os correspondentes ao período do últimos dez días (do 27 de novembro ata o 6 de decembro) rexistrouse un solo caso no Campus de Pontevedra, concretamente foi na Escola de Enxeñería Forestal.
Dende o 21 de setembro, día no que se iniciou o curso oficialmente, ata o día 6 deste mes de decembro, nos tres campus da Universidade de Vigo rexistráronse 168 casos confirmados, dos cales, 148 foron entre o estudantado.
Os casos rexistrados ao longo destes meses tan só provocaron incidencias puntuais na planificación docente. Así, a finais de outubro pasaron a docencia virtual durante algúns días todas as titulacións de Ciencias da Educación e do Deporte e 4º de Publicidade e Relacións Públicas, ambos centros no campus de Pontevedra.