1.650 cheques regalo para promover as compras no comercio local de Caldas
Por Redacción
Os clientes do comercio local comezarán a recibir 1.650 cheques regalo con desconto de 3 euros cada un para poder trocar nas tendas asociadas ao Centro Comercial Aberto naquelas compras superiores aos 10 euros. Trátase dunha iniciativa entre este colectivo e o Concello de Caldas para potenciar o consumo nos establecementos do municipio.
Os bonos comezáronse a repartir entre o alumnado escolarizado en Caldas de Reis. Con esta medida preténdese facilitar o proceso de distribución e, ao mesmo tempo, estimular aos escolares para que as familias realicen as compras en establecementos locais durante estas festas do Nadal.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas e o concelleiro de Comercio Jacobo Pérez participaban nunha reunión con representantes das ANPAS e directores dos centros de ensino do municipio para establecer a fórmula de entrega dos cheques regalo. A intención do goberno é que cada escolar, independentemente da súa idade, reciba un boleto.
O Concello realiza un investimento de case 5.000 euros para reactivar o tecido comercial. Os bonos pódense utilizar ata o 9 de xaneiro de 2021. A decisión adóptase, segundo informa o goberno local, para axudar a un dos sectores máis afectados pola situación económica derivada da pandemia. O concelleiro Jacobo Pérez animou á cidadanía para mercar e a consumir en Caldas de Reis durante estes meses porque esas accións axudan a manter o emprego e a economía da vila.