Deteñen dous irmáns de orixe marroquí por reter á forza e dar unha malleira a un caldense
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A Garda Civil conseguiu esclarecer o rocambolesco suceso acontecido na tarde do martes en Caldas e que rematou cun veciño da localidade ingresado durante máis de 24 horas no Hospital do Salnés. Detivo dous irmáns de nacionalidade marroquí como supostos responsables de retelo á forza e darlle unha malleira.
O suceso aconteceu a partir das 16.30 horas do martes e podería ter vinculación co tráfico de drogas, se ben todas as hipóteses están abertas na investigación da Garda Civil.
Segundo indicaron fontes da Garda Civil, a vítima encontrábase nas inmediacións do seu domicilio nunha parroquia de Caldas cando foi abordado por dous individuos. Golpeárono, atárono de pés e mans e metérono no maleteiro dun coche, sempre segundo a versión que achega o agredido.
Posteriormente, dirixíronse a un monte de Caldas e, nun lugar solitario, seguiron golpeándoo ata que cometeron un descoido e a suposta victima logrou escapar correndo.
O home volveu á súa casa, pero, cando chegou, estábano a esperar os mesmos individuos. Para evitar volver ser capturado, pediu axuda. Un familiar respondeu á chamada e os dous presuntos agresores fuxiron. Como resultado dos golpes recibidos, sufriu diversas lesións polas que tivo que acudir ao hospital. Chegou a última hora do martes e recibiu a alta médica transcorridas as 24 horas.
As investigacións realizadas pola Policía Xudicial leváronos sobre a pista dos dous detidos, de 23 e 29 anos, e que teñen antecedentes policiais. Residen na localidade de Arcade, no Concello de Soutomaior e foron arrestadoscomo supostos autores dos delitos de lesións e detención ilegal.
Os dous mozos permanecen detidos na Comandancia da Garda Civil e este venres serán postos a disposición do Xulgado de Garda de Caldas, que instrúe as dilixencias do caso.
Relacionadas:
-
Condenas de catro anos e medio de prisión para tres acusados polo secuestro exprés dun veciño de Caldas
Por Oskar Viéitez |
-
Piden 13 anos de prisión para tres acusados de dar unha malleira e secuestrar un veciño de Caldas
Por Natalia Puga |
-
Detido un terceiro implicado no secuestro dun veciño de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Investigan o secuestro e a malleira a un veciño de Caldas e se puido ser un axuste de contas
Por Redacción |