Meaño condiciona importantes proxectos á aprobación dunha modificación de crédito
Por Oskar Viéitez
O grupo de goberno do Concello de Meaño convocou para as 20 horas deste mércores unha sesión plenaria extraordinaria para aprobar con urxencia unha modificación de crédito que permita dispoñer este ano 2020 dun remanente de 557.000 euros.
Esta operación financieira é posible tralo acordo do Consello de Ministros do pasado 6 de outubro de suspender as regras fiscais e permitir aos concellos dispoñer do seu superávit orzamentario.
Sen embargo, para poder facelo a tramitación ten que estar rematada dentro deste ano natural.
De aí que o equipo de goberno que lidera Carlos Viéitez acordara axilizar a aprobación coa convocatoria dun pleno extraordinario, na que o respaldo da oposición será clave para sacar adiante proxectos como a apertura e urbanización do vial á Igrexa-Lores, a adquisición de terreos para o futuro auditorio ou a ampliación e pavimentación do vial A Pedreira-Barreiro, entre outros.
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, indicou que "trátase de obras básicas e urxentes para todos os veciños" e explicou que "non podíamos esperar ao pleno ordinario da semana que ven porque esta aprobación ten que estar exposta durante 15 días para a presentación de alegacións, aprobala definitivamente e volver a expoñela".
Os técnicos municipais están a traballar contrarreloxio para que estas obras se poidan licitar canto antes. "Se non se aprobara esta modificación neste pleno xa nos iríamos a marzo",advirte o rexidor.