O núcleo de Dena estrea novos espazos públicos "para a xente"
Por Redacción
Unha nova praza pública que, segundo as autoridades, vaise a converter nun punto de encontro para toda a veciñanza. É a principal actuación que, cunha achega de 360.000 euros do Plan Concellos da Deputación, realizou o Concello de Meaño no núcleo de Dena.
Xunto a esta praza tamén se acondicionou un aparcamento para dar servizo a diversos equipamentos deportivos e de lecer na zona de Coirón.
A nova praza, executada en pedra e lastro, ocupa unha superficie de 2.637 metros cadrados e linda coa Rúa da Ponte (que está na estrada que une Cambados co Grove) e co río da Chanca.
Os traballos incluíron a subida da cota do terreo para protexer o espazo de posibles enchentes e mellorar a accesibilidade, e realizáronse tendo en conta a posibilidade de facilitar o acceso de vehículos pesados para a montaxe de elementos para eventos e actuacións.
As obras completáronse coa plantación de céspede e árbores de porte, ameneiros ao lado do río, loureiros nos límites da zona pavimentada e carballos na área de acceso e límite da rúa.
Ademais, instaláronse elementos de iluminación perimetral na zona pavimentada en pedra e rego automático.
No que atinxe ao aparcamento de Coirón, esta nova dotación optimiza a capacidade de aparcamento de todo o complexo de centros educativos, lúdicos e deportivos da zona.
A Deputación sufragou, a través do Plan Concellos, a adquisición da parcela onde se sitúa, a carón do pavillón deportivo e do CEIP Coirón, un espazo tamén próximo ao campo de fútbol das Cachizas, a escola infantil, o parque-pista deportivo e a piscina municipal.
O estacionamento ten 2.271 metros cadrados e o importe da adquisición foi de 95.670 euros. O Concello acondicionou e asfaltou a superficie por outros 79.612 euros.
As obras consistiron no acondicionamento do terreo con xabre compactado e aglomerado asfáltico, a dotación dunha beirarrúa lateral e a dotación da infraestrutura para a recollida de augas pluviais, así como a conexión á rede.
Completouse cunha nova rede de iluminación, o pintado, colocación de bancos e papeleiras e o embelecemento da zona con espazos axardinados.
Relacionadas:
-
Medio millón de euros para a transformación integral do pavillón de Meaño
Por Redacción |
-
Meaño completa a humanización da contorna da igrexa de Simes
Por Redacción |
-
Máis de corenta familias benefícianse do fondo de Emerxencia Social do Concello de Meaño
Por Redacción |
-
Meaño condiciona importantes proxectos á aprobación dunha modificación de crédito
Por Oskar Viéitez |
-
Meaño adianta o Nadal e ilumina un corazón na praza nova de Dena
Por Redacción |