Denegan os permisos para a mina de litio en Cerdedo-Cotobade e A Lama
Por Redacción
A Xunta de Galicia denegou os permisos para a apertura en catro municipios de Pontevedra e Ourense, entre eles Cerdedo-Cotobade e A Lama, dunha mina de litio.
O proxecto, presentado pola sociedade Recursos Minerales de Galicia, pretendía construír unha mina duns 12 quilómetros lineais e cunhas 60 cuadrículas mineiras para a extracción de estaño, volframio, tántalo, niobio e litio.
Un informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil foi a base para que o goberno galego non lle concedera a esta compañía a explotación desta mina, coñecida como Alberta I.
Os plans para a apertura desta mina xerou unha gran controversia e foron moitos os colectivos sociais, ecoloxistas e políticos que se opuxeron radicalmente a este proxecto.
O BNG CELEBRA A DENEGACIÓN DOS PERMISOS
Tras coñecer esta decisión, o BNG destacou que a negativa ambiental que vén de recibir este proxecto "nos dá a razón" a todos os colectivos que responderon socialmente contra a mina.
Os nacionalistas xa alertaran do risco de fraude deste proxecto mineiro de litio por ocultar un macro proxecto dividíndoo en varios proxectos para eludir trámites ambientais "inescusables".
O BNG lamenta, con todo, que o goberno galego intentara favorecer os intereses das "multinacionais depredadoras do territorio" e negara información aos colectivos afectados.
"Tiveron que rectificar ante a gran presión social", destaca a formación, que recorda que a mina de litio ía a afectar a unha zona moi ampla de Cerdedo-Cotobade e A Lama ou as serras do Cando e do Suído e as bacías dos ríos que nacen nelas como son o Oitavén e o Verdugo.