A cita previa, imprescindible para acudir ao Rexistro Civil de Pontevedra
Por Redacción
A cita previa é imprescindible para realizar determinados trámites no Rexistro Civil de Pontevedra e evitar, desta forma, a coincidencia de varias persoas na súa sede e os desprazamentos innecesarios. Así o lembran este martes desde os xulgados pontevedreses, que fan un chamamento á cidadanía para que pidan cita antes de acudir ao edificio xudicial seguindo os mecanismos que se aplican desde o pasado mes de outubro.
O sistema leva xa en marcha varias semanas dentro das medidas adoptadas polas autoridades xudiciais para loitar contra a expansión da pandemia e facilitar os trámites á cidadanía, pero aínda hai cidadáns que o descoñecen e acoden ao edificio xudicial sen pedir cita previa, segundo confirmaron este martes fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A obtención de quenda a través da páxina web www.xustiza.gal é indispensable para realizar xestións relacionadas cos expedientes de matrimonio, xuras de nacionalidade, capitulacións matrimoniais, cambios de nome e/ou apelidos, expedición de certificacións, fes de vida ou nacementos e información xeral.
No caso de que algunha persoa se desprece á sede do Rexistro Civil de Pontevedra -situada no edificio xudicial da Parda- sen cita, será remitida á páxina web para que a solicite, de aí a importancia de realizar o trámite xa previamente.
Ademais, para a poboación que careza de acceso a internet, lémbrase que poden contactar co Rexistro Civil a través dos teléfonos: 886 206 744 ou 986 805 767 para que lles indiquen o día e a hora para acudir ás instalacións.
A documentación de expedientes de matrimonio realizarase os luns e mércores, de 09.00 a 11.00 horas, cada 30 minutos. Os martes, de 09.00 a 11.00 horas tramitaranse xuras de nacionalidade, mentres que as capitulacións matrimoniais levarán a cabo os luns e os mércores, de 11.00 a 12.00 horas, cada 15 minutos.
Para outros expedientes, como cambios ou rectificacións de nome, as citas serán os xoves, de 09.00 a 11.00 horas, cada 30 minutos. As certificacións tramitaranse todos os días, de 09.00 a 13.00 horas, cada 15 minutos. As fes de vida serán tamén, de luns a venres, de 09.00 a 11.00 horas, cada 15 minutos; e os nacementos, todos os días, de 10.00 a 13.00 horas, cada 30 minutos.