Este martes entra en funcionamento a cita previa por internet para acudir ao Rexistro Civil de Pontevedra
Por Redacción
A partir deste martes poderá solicitarse cita previa a través de internet para realizar os trámites nas oficinas do Rexistro Civil de Pontevedra, que se atopan no edificio xudicial da Parda.
Esta medida adóptase para evitar a coincidencia de varias persoas nesta sede e para eliminar desprazamentos innecesarios. A páxina web www.xustiza.gal ofrecerá algúns dos formularios necesarios para levar a cabo diversos trámites nesta oficina. Nestes casos poderanse descargar. Outros, en cambio, será necesario cubrilos nas oficinas do rexistro, unha vez que se obteña a cita.
Desta forma, o Rexistro Civil de Pontevedra permitirá pedir cita para realizar trámites relacionados cos expedientes de matrimonio, xuras de nacionalidade, capitulacións matrimoniais ou cambios de nome e/ou apelidos. Tamén se poderá demandar a través desta web a expedición de certificacións, fes de vida ou nacementos.
A partir do 1 de novembro será indispensable que a cidadanía obteña cita para realizar todos estes trámites. No caso de que algunha persoa desprácese a estas oficinas sen cita será remitida á páxina web para que solicite cita. Cada un dos trámites leva asignado un día e un horario concreto.
A documentación de expedientes de matrimonio realizarase os luns e mércores, de 09.00 a 11.00 horas, cada 30 minutos. Os martes, de 09.00 a 11.00 horas tramitaranse xuras de nacionalidade, mentres que as capitulacións matrimoniais levarán a cabo os luns e os mércores, de 11.00 a 12.00 horas, cada 15 minutos. Para outros expedientes, como cambios ou rectificacións de nome, as citas serán os xoves, de 09.00 a 11.00 horas, cada 30 minutos. As certificacións tramitaranse todos os días, de 09.00 a 13.00 horas, cada 15 minutos. As fes de vida serán tamén, de luns a venres, de 09.00 a 11.00 horas, cada 15 minutos; e os nacementos, todos os días, de 10.00 a 13.00 horas, cada 30 minutos.
Tamén o resto de rexistros civís de Galicia poñerán en marcha este sistema de cita previa nas próximas xornadas. Esta medida adóptase a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e adóptase como unha fórmula para evitar aglomeracións dentro dos protocolos fronte ao covid-19 dentro do ámbito da Administración de Xustiza.