Os hostaleiros farán unha caravana de protesta o vindeiro venres
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Hostaleiros convocou para o vindeiro venres 6 de novembro unha caravana protesta que percorrerá Pontevedra e a cidade de Vigo. A mobilización conta co apoio da Asociación de hostalería de Pontevedra HOEMPO, Hoteis de Pontevedra e o Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo.
No transcurso do percorrido rexistraranse nos diferentes organismos unha serie de reivindicacións do sector.
Por exemplo, que se lles permita aplicar o "ERTE por impedimento" para o conxunto de empresas do sector que debido ás limitacións de demanda e horario ás que se enfrontan. Esta figura recolle a exoneración do 100% das cotas á Seguridade Social.
Tamén solicitan da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral de Traballo da Xunta de Galicia, que se "facilite" o trámite á hora de pasar dunha tipoloxía de ERTES a outros, "sendo comprensivos".
Outra reivindicación do sector é a "suspensión do pago da cota de autónomos", de forma análoga á prestación por cesamento recoñecida no mes de marzo. No caso de que o Goberno de España non permita a exoneración do pago da cota, piden que sexa o Goberno de Xunta de Galicia o que dispoña unha axuda directa para este colectivo e que se abone todo o que o solicite unha subvención polo importe da cotización obrigatoria que o autónomo tivese que soportar.
Tamén queren "medidas para garantir a liquidez das empresas" como moratorias de carencias e alongamento de prazos dos créditos ICOS concedidos ás empresas antes do verán, moratorias de préstamos anteriores nos investimentos das empresas, moratorias de hipotecas.
Queren préstamos participativos para empresas onde quedaron danadas a rendibilidade e solvencia, teñen a vantaxe de que se consideran fondos propios e non préstamos; por iso melloran a liquidez e solidez da empresa diante de posibles renegociacións con bancos. Son aptos para particulares, e en casos extremos de diñeiro público para facer un rescate e evitar o peche.
Outra demanda é simplificar os trámites dos préstamos familiares. Preténdese que estean exentos de intereses e non haxa que realizar nin declaración de intereses nin contrato de préstamo. Simplemente que nas transferencias bancarias aparecese a lenda "Préstamo sen interese".
Insisten en reclamar a exoneración de tributos municipais ou polo menos da parte proporcional á ausencia de actividade económica do local e a actividade sobre a cal se tributa. Son o Imposto de Actividades Económicas IAE (para as empresas con facturacións de máis de 1 millón), as taxas de lixos e taxas de terrazas e as taxas de vehículos de tracción mecánica cando o seu uso estea directamente relacionado coa actividade que non se está podendo exercer.
Pero tamén inclúen reclamacións respecto a os impostos que cobra a Xunta e o Estado como é o pago fraccionado do Imposto de Sociedades ou o aprazamento de pagos do IVE.
Nesta táboa reivindicativa figuran a petición de axudas directas ao sector. Resolucións e pagos inmediatos das axudas da Consellería de Turismo que se aprobaron no 2020 para proceder a cobralas "canto antes, como moi tarde durante os primeiros días de 2021", apreman para evitar en situacións de axudas concedidas a empresas xa pechadas.
E finalmente, demandan a arbitraxe entre arrendadores e arrendatarios. En canto ao pago de alugueres, propoñen unha exención obrigatoria do 50% dos gastos de aluguer a satisfacer polo arrendatario e que o arrendador tivese durante o exercicio unha redución especial do seu rendemento neto por este concepto do 50%, como compensación á redución dos seus ingresos.
Con todo, os hostaleiros de Hoempo puntualizan que apoian a proposta da Federación Provincial, pero que non a secundarán en Pontevedra para non poñer en risco a cidade e as súas emerxencias debido ás particularidades de mobilidade na capital.