A Policía Local de Poio fará cortes puntuais nalgunhas rúas próximas aos cemiterios
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio porá en marcha este venres un dispositivo especial para controlar o tráfico nas inmediacións dos cemiterios do municipio.
Esta medida forma parte do operativo impulsado polo Concello, a través da Comisión de Emerxencias da Covid-19, por mor da festividade de Todos os Santos, e que permanecerá activo ata o vindeiro domingo.
Entre as medidas a adoptar, o corpo de seguridade implantará, por exemplo, a dirección única en rúas próximas aos camposantos, para axilizar o tránsito de vehículos e evitar aglomeracións. Ademais, habilitaranse prazas de estacionamento para persoas con problemas de mobilidade.
En San Salvador, a entrada ao cemiterio será desde a estación de servizo de Albar e a saía a través do CEIP Viñas, para evitar colapsar a PO-308. En Samieira, cortarase temporalmente o Camiño Vello ata o Camiño Novo, para facilitar tamén a entrada e saída de vehículos. En Chancelas, a dirección única será no Camiño da Escola, en sentido descendente desde Costa Darriba).
Os cemiterios estarán abertos desde as 9.00 ás 21.00 horas. O Concello fai un chamamento para que todas aquelas persoas que teñan previsto acudir aos camposantos o fagan de xeito escalonado e respectando en todo momento as medidas decretadas polas autoridades contra a expansión da pandemia. Prégase permanecer no interior das instalacións o tempo imprescindible, cun máximo de 30 minutos, evitando as zonas comúns e acudindo de xeito individual ou en grupos de non máis de catro persoas.
Logo das novas restricións decretadas pola Xunta de Galicia, todos os integrantes deberán ser convivintes. Os axentes estarán pendentes de que se respecte o aforo, tarefa na que colaborarán membros de Protección Civil, e as distancias e de que os grupos non interactúen entre si.
Os cidadáns tamén deberán levar máscara e usar panos desbotables no caso de tusir ou esbirrar. Haberá contedores de lixo nas entradas dos cemiterios, así como dispensadores de xel e cartelaría informativa.
REFORZO NAS TAREFAS DE DESINFECCIÓN
Por outra banda, o Concello de Poio solicitou á empresa responsable da recollida de voluminosos, Valoriza, que reforzarse as tarefas de desinfección e limpeza nos cemiterios durante toda a fin de semana, para axudar a garantir a seguridade da veciñanza. Estes labores céntranse sobre todo nos accesos e entradas a estes espazos. Este dispositivo de reforzo tamén permanecerá operativo ata o domingo.
Relacionadas:
-
A primeira fin de semana de peche perimetral sáldase sen sancións en Poio
Por Redacción |
-
Consulta as medidas que se aplican esta fin de semana nos cemiterios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanxenxo adianta o dispositivo anticovid nos cemiterios para garantir o cumprimento das medidas sanitarias
Por Redacción |
-
Poio deseña un dispositivo de seguridade 'anti covid' para a festividade de Todos os Santos
Por Redacción |