Sanxenxo presume de recadación récord no parking do Porto e do alto consumo de auga
Por Redacción
O informe de Nauta Sanxenxo acerca da actividade no Porto Deportivo Juan Carlos I "reflicte uns datos moi bos que referendan o acerto da aposta municipal por estas instalacións e por ir mellorándoas día a día para convertelas no que son hoxe en día: un referente nacional e internacional", sinalou o seu vicepresidente, Salvador Durán.
E é que o mes pasado, o aparcamento situado baixo a praza do Mar bateu o récord de recadación desde a súa apertura no ano 2005. Foron un total de 131.627,45 euros os obtidos a través dos 33.923 accesos realizados ao parking, cifra que supón un crecemento en canto a ingresos do 9,6% con respecto ao ano pasado.
O balance apunta ademais á xeración doutros 8.769,52 euros derivados dos servizos de guindastre, limpeza con máquina a presión e estancia no varadeiro, aos que hai que sumar o importe correspondente á venda de 120.259,75 litros de gasoil e gasolina, 15.094,57 litros máis que en 2012.
A empresa municipal Nauta Sanxenxo xestiona así mesmo a lámina de auga do Porto Deportivo Juan Carlos I e, segundo o resumo mensual, nos 364,5 metros destinados a tránsitos amarraron 257 embarcacións das que 154 corresponderon a embarcacións a vela e 103 a motor.
España, Portugal e Irlanda foron os países de orixe do maior número de barcos, con 192, 23 e 10, respectivamente. Tamén atracaron no porto deportivo de Sanxenxo 7 embarcacións con bandeira francesa, 5 con holandesa, 4 con alemá, 3 con distintivo belga, un noruego e outro polaco.
AUMENTA TAMEN O CONSUMO DE AUGA
Ademais, en todo o mes de agosto consumíronse no municipio 353.106 metros cúbicos de auga, un 9,27% máis que en 2012. Así o confirmou esta mañá a concesionaria do abastecemento de auga ofrecendo uns datos que para o Goberno local demostran que "Sanxenxo é un destino turístico de primeira magnitude escollido cada ano por milleiros de visitantes que gozan das nosas incribles praias e dos seus servizos".
Á súa vez, o resumo mensual facilitado pola concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos relativos a ese período apunta a "un descenso mínimo na xeración de restos orgánicos ao tempo que aumenta notablemente a recollida selectiva". E é que dos 1.777.680 quilos depositados na fracción verde en 2012 pasáronse a 1.747.340 en 2013, é dicir, rexistrar un descenso do 1,7%.
Pola contra, os veciños e visitantes do municipio apostaron máis pola reciclaxe, utilizando os contenedores de envases, papel e vidro. De feito, esta recollida creceu un 9,6 por cento, subindo dos 169.580 quilos de agosto de 2012 aos 185.900 quilos do mesmo período de 2013.