Nauta aboa a Portos de Galicia a sanción imposta no seu día á promotora do porto
Por Redacción
A alcaldesa e presidenta de Nauta Sanxenxo ordenou aboar a Portos de Galicia a totalidade do importe correspondente á sanción que impuxo á promotora do Porto Deportivo Juan Carlos I, que ascende a 851.086,10 euros.
A sociedade municipal que xestiona a lámina de auga, os locais e o aparcadoiro deste equipamento fixo fronte a principios do mes pasado ao primeiro prazo desta multa, que ascendeu a 595.760,28 euros e, o venres, o interventor xeral do Concello de Sanxenxo e a secretaria do consello de administración de Nauta Sanxenxo entregaron no organismo autonómico o cheque correspondente á segunda e última fracción, por unha contía de 255.325,83.
A pesar de non concluír aínda o período de pagamento voluntario, Catalina González optou por saldar este asunto xa para non ter que asumir intereses de demora e gastos financeiros derivados do aval formalizado como garantía. E é que Portos de Galicia non tivo en conta que a sociedade que xestiona o equipamento situado na vila sanxenxina é un ente de participación pública ao 100% e que os seus presupostos separados consolidan cos propios da Administración local, polo que estaría dispensada de presentar unha garantía tal e como recolle o artigo 48.1 do Real Decreto 939/2005, do 29 de xullo.
ANTECEDENTES
Nauta Sanxenxo adquiriu en xullo de 2002 o dereito da concesión administrativa sobre a construción e explotación -instalacións, obras e servizos, incluídos- do Porto Deportivo de Sanxenxo á empresa Construcións Davila Lago por 4,5 millóns de euros. Na escritura formalizada a sociedade pública comprometíase a asumir todos os avais constituídos pola promotora, así como as demais obrigas e responsabilidades derivadas dos expedientes pendentes sobre o porto.
Polo tanto, a sociedade creada polo Concello de Sanxenxo para xestionar o equipamento náutico asumiu o aval constituído para facer fronte á multa que a Xunta de Galicia impuxo a Davila Lago pola comisión dunha infracción administrativa derivada da execución de obras e instalacións sen autorización.
Iso si, Nauta Sanxenxo solicitou ante a Xunta de Galicia a revisión de oficio por causa de nulidade do expediente sancionador, petición que foi inadmitida. Tamén interpuxo un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que foi desestimado, polo que finalmente tivo que asumir a sanción, tal e como estaba previsto xa no momento en que se formalizou a compra do Porto Deportivo Juan Carlos I.
Dende o Goberno local valoraron de forma moi positiva esta adquisición "cuxa xestión deixa moitos beneficios para este Concello, aínda asumindo constantes investimento en melloras así como o crédito solicitado para a súa compra, que Nauta rematará de pagar xa en nove meses".
Relacionadas:
-
Nauta Sanxenxo supera o desequilibrio económico de 2013 e pechará o ano con superávit
Por Redacción |
-
Sanxenxo presume de recadación récord no parking do Porto e do alto consumo de auga
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo estrea seguridade privada para protexerse dos excesos da movida nocturna
Por Redacción |