Reparan o saneamento da Rúa Bermaña e do Campo da Torre
Por Redacción
Este luns comezaron os traballos para reparar a rede de saneamento separativo na Rúa Bermaña e no Campo dá Torre en Caldas de Reis. A intención do goberno local é que se resolvan con estes traballos as deficiencias detectadas nesta zona e evitar que se produzan filtracións ao río Bermaña.
A empresa Natgurgalia S.L. é a encargada de executar as obras, que se centrarán en cambiar tubaxes deterioradas por unha nova canalización. Os traballos durarán catro semanas e o orzamento sitúase en máis de 8.500 euros, que proceden de baixas orzamentarias de proxectos xa executados do Plan Concellos 2018-19 da Deputación de Pontevedra.
Durante esta obra eliminarase o tramo de tubo antigo onde se noten deficiencias, deixando anulado o tramo que non presente problemas. Despois instalarase unha nova canalización, retirando os restos da tubaxe antiga. Estes traballos focalizaranse na zona da embocadura dos pozos, que son de nova construción.
No caso de que estes pozos se atopen danados tamén se cambiarán. En todo caso, está previsto reformar o seu interior e selar posibles fisuras para evitar verteduras ao río.
Manuel González, concelleiro de Medio Ambiente e Obras, recoñece que era un problema que tiña preocupado ao goberno local e advirte de que se trata dunha obra cunha dificultade técnica significativa pero que poñerá fin de maneira definitiva ás filtracións que se producen nesta contorna.