A primeira fase do paseo marítimo de Pontevedra a Marín estará lista este ano
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O primeiro tramo do paseo marítimo de Pontevedra a Marín estará finalizado a finais deste ano 2020 e o paseo completo poderá inaugurarse na primavera. Estes son os prazos que manexa o delegado do Goberno en Pontevedra, Javier Losada, que este xoves visitou as obras en compañía do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba.
Losada explicou, a preguntas dos medios de comunicación, que a segunda fase está nestes momentos en estudo porque se viu a necesidade dunha actuación complementaria pola "necesidade" de "pivotar" o paso sobre o mar. En todo caso, confía en que se manteñan os prazos previstos e que na primavera se poida inaugurar o paseo. No caso de que non fose así, confía en que antes do próximo verán a actuación estea terminada.
Pola súa banda, Lores insistiu en que os prazos exactos non son a súa principal preocupación, senón que o importante é que a obra poida estar inaugurada nun "prazo razoable" e que supón unha mellora da calidade de vida da cidadanía e, ao mesmo tempo, xera unha actividade económica tan importante neste momento de crise sanitaria e económica.
Este paseo entre Marín e Pontevedra complementa a pasarela peonil dos Praceres xa existente e a parte do paseo que xa percorre a fachada marítima da zona máis urbana de Pontevedra e Losada destacou que dá resposta a unha "demanda histórica" dos veciños, ao tempo que puxo en valor a propia natureza do proxecto, pois "va a unir a personas, a ayuntamientos, pero sobre todo a personas".
As obras empezaron o pasado mes de agosto e supoñen un investimento superior aos dous millóns de euros para un tramo de paseo duns dous quilómetros. A primeira fase, unha senda peonil con carril bici de 1,2 quilómetros, xa está en obras, avanza "de forma importante" e prevé terminarse este ano, aínda que é posible que non poida utilizarse ata que estea rematada a totalidade do proxecto.
A segunda fase supón instalar unha pasarela metálica de 800 metros de lonxitude que pivotará sobre o mar cunha fórmula que aínda están a estudar unha "solución adecuada". Esta segunda fase é, tal e como destacou Losada, a máis "complicada" de executar.
O proxecto supón, en palabras de Losada, unha forma de reforzar o "compromiso" do Goberno estatal coas persoas e coa recuperación de espazos e a realización de obras sostidas no tempo e tamén de "acompañar el modelo de ciudad" de Pontevedra, do que o delegado destacou que é un exemplo de cidade pensada para os peóns e para as persoas que "el Gobierno quiere acompañar con obras de este tipo".
Na súa intervención, Lores destacou que a sociedade pontevedresa demandaba este proxecto desde hai ano e que, unha vez realizado, fará posible un paseo dun total de 15 quilómetros pola Ría de Pontevedra e o río Lérez que chega desde Marín ata a presa de Bora. É "un luxo" para os pontevedreses e unha actuación moi necesaria para permitir gozar de espazos naturais e promover unha vida activa.
Relacionadas:
-
Confían na apertura "inminente" do paseo a Marín ao faltar só "pequenos flecos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Goberno destaca que Pontevedra é a cidade "que más se va a beneficiar" polo novo tramo do AVE a Galicia
Por Natalia Puga |
-
O paseo peonil entre Pontevedra e Marín estará operativo na primavera de 2021
Por Redacción |
-
As obras do paseo peonil e ciclista cara Marín comezarán "a lo largo de 2020"
Por Alejandro Espiño |