O Goberno destaca que Pontevedra é a cidade "que más se va a beneficiar" polo novo tramo do AVE a Galicia

Por Natalia Puga
A posta en servizo do tramo de alta velocidade entre Zamora e Pedralba o vindeiro martes 27 de outubro supoñerá vantaxes para toda Galicia, pero de modo especial para Pontevedra, "la ciudad que más se va a beneficiar". Así o asegurou este xoves o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, durante unha visita á cidade do Lérez.
Losada destacou que toda Galicia vai estar conectada nun tempo "más óptimo" a partir do luns e Pontevedra é a cidade que "más va a acortar el tiempo", pois todos os tramos acurtaranse nunha hora de media mentres que a capital reducirá o traxecto en 1 hora e 26 minutos. O tempo de traxecto entre Pontevedra e Madrid quedará nunhas cinco horas e cuarto.
O delegado do Goberno mostra a súa "satisfacción" por este novo tramo de alta velocidade, que permitirá ir aos trens a 110 quilómetros por hora, porque significa "ir cumpliendo compromisos", avanzar a parte final do AVE a Galicia e que os galegos poden gozar dun servizo no que os tempos van ser "más competitivos".
Na súa opinión, Galicia ten que celebrar o "compromiso" dun Goberno que nun momento complicado, nos dous últimos anos, "ha sido capaz de impulsar la alta velocidad después de años de abandono del PP".
Renfe activará o vindeiro martes 27 de outubro o novo tren que unirá Pontevedra e Vilagarcía de Arousa con Madrid a través de Santiago de Compostela. Coa incorporación desta frecuencia, os servizos entre Galicia, Zamora e Madrid amplíanse a oito (catro por sentido) fronte aos seis actuais. Ademais, Vilagarcía de Arousa contará desde este momento cun tren Alvia directo con orixe ou destino en Madrid.
O tren sairá a diario desde a estación de ferrocarril de Pontevedra ás 5:45 horas da madrugada e chegará a Madrid minutos despois das once da mañá, ás 11:07. Á inversa, sairá de Madrid ás 18:20 horas e chegará a Pontevedra ás 23:35 horas.
A estación pontevedresa manterá un segundo tren diario a Madrid, neste caso a través de Vigo, que sairá ás 14:52 horas e chegará á capital española ás 21:10 horas. De Madrid sairá ás 7:15 horas e o traxecto concluirá en Pontevedra ás 13:35 horas.