Alerta vermella en Poio ante o incremento dos contaxios por covid-19 nos últimos sete días
Por Redacción
O aumento da alerta epidemiolóxica en Poio, que se situou en nivel 3 (vermello) segundo o baremo do Servizo Galego de Saúde, fai que xa sexan dous os municipios da área sanitaria con especial vixilancia. O outro, Vilagarcía de Arousa. En ambos se rexistraron máis de 21 contaxios novos na última semana.
No caso de Poio, segundo informou o Concello, hai actualmente 33 casos activos por covid-19 no municipio.
A cidade de Pontevedra mantense no segundo banzo deste 'semáforo sanitario', no nivel de alerta 2 (laranxa), ao rexistrar entre 48 e 96 novos contaxios nunha semana. Este luns rexistra 154 casos activos, sete máis que onte.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, expresou a "preocupación lóxica" do goberno municipal ante estes datos e os efectos "non só na saúde" que acareean na cidade. Por iso, volveu a facer un chamamento á cidadanía para que teñan "o máximo coidado", xa que lembrou que a prevención contra a covid-19 "é cousa de todos".
Vilanova de Arousa, pola súa banda, tamén continúa coa alerta 2 activada. O municipio rexistra actualmente 25 casos activos por covid-19, un máis que o domingo.
Outros cinco municipios están en nivel de alerta 1 (amarelo) pola incidencia da pandemia na última semana. Trátase de Sanxenxo e Vilaboa, que xa estaban na lista, aos que se suman Marín, Ribadumia e Cambados, segundo informa Sanidade.
No caso de Marín, o municipio modera os seus datos tras chegar nos últimos días ao nivel 2. Con respecto ao domingo, hai catro casos activos menos pola covid-19. O número de persoas contaxiadas na actualidade sitúase en 32.
Sanxenxo, segundo informa o Concello, mantén os 17 casos activos que había este domingo; mentres que Cambados notifica 19 casos.
O resto dos municipios da área sanitaria mantéñense no nivel de alerta 0 (verde), tras detectarse neles menos de sete positivos en covid-19 no últimos sete días.
Relacionadas:
-
Dous novos ingresos elevan a 24 os hospitalizados por covid-19 entre os 481 casos activos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Falece unha muller de 73 anos que estaba ingresada por covid-19 no Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra suma 38 novos contaxios e roza de novo os 500 casos activos
Por Alejandro Espiño |
-
Marín, Pontevedra e Poio, en alerta laranxa pola evolución da covid-19 na última semana
Por Alejandro Espiño |
-
Cincuenta e catro novos contaxios disparan de novo os casos de covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |