Marín estuda crear unha zona adaptada a persoas con discapacidade nunha das súas praias para o verán 2021
Por Redacción
O Concello de Marín xa pensa no verán de 2021 e, para preparar con antelación a tempada, este venres estudaron novas medidas a aplicar nas praias do municipio. Unha delas é a creación dunha zona adaptada ás persoas con discapacidade nun dos areais.
Ademais, valorarase que os pregos de contratación daqueles servizos que teñan que ver coa limpeza das praias, o baleirado das fosas sépticas, o balizamento e demais servizos conteñan como punto a avaliar favorablemente un sistema medio ambiental eficiente e sostible por parte das empresas.
Todas estas cuestións puxéronse sobre a mesa este venres nunha reunión entre a concelleira de Turismo, Cristina Acuña; o representante da xestión do certificado ambiental EMAS, Juan Cánovas; e co coordinador de Limpeza do Concello, Francisco Cruceiras.
O encontro buscaba avaliar os datos extraídos da campaña estival 2020 e sentar as bases e as melloras a implementar de cara ao 2021. A modo de balance, avaliaron as medidas de restrición e prevención fronte á pandemia do coronavirus que marcaron a xestión das praias durante o pasado verán.
Esas melloras que se aplicaron este ano fixeron que o Concello de Marín fora merecedor de renovar o seu certificado ambiental EMAS. Entre outra, figuran o aumento da cartelería informativa, a posta en marcha de mensaxes de concienciación por megafonía e a mellora dalgúns medios de accesibilidade aos areais.
A concelleira quixo reiterar o agradecemento do Concello aos locais de restauración, que este ano colaboraron para habilitar os seus aseos como baños de uso público para poder cumprir coas esixencias sanitarias e destacou o bo funcionamento do sistema de control de capacidade que se puxo en marcha en tempo récord, que permitía consultar a ocupación das praias en tempo real e así controlar que non se sobrepasase o número máximo de persoas fixado.
Relacionadas:
-
Marín licita os quioscos das praias e o aluguer de hidropedais, canoas e paddle surf
Por Oskar Viéitez |
-
Sabotean os semáforos físicos que indican o aforo nas praias de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Intelixencia artificial e semáforos virtuais e físicos para saber desde a casa se hai oco nas praias de Marín
Por Natalia Puga |