Sabotean os semáforos físicos que indican o aforo nas praias de Marín
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín denunciou este luns a aparición de desperfectos nos cables de conectividade nos semáforos físicos ubicados nos areais do municipio, que foron colocados para reflectir a medición en tempo real do aforo, e que apenas un par de días despois da súa instalación, foron obxecto de ataques, que impediron o seu correcto funcionamento durante esta fin de semana.
Segundo puido comprobar o equipo técnico da empresa que desenvolveu o sistema de conteo, que ten a súa vertente de consulta informática na web, as antenas de conectividade coas que funcionan os semáforos foron manipuladas, de tal xeito que apareceron medio rotas ou esnaquizadas, cos cables desconectados, polo que non funcionaban correctamente.
Estas antenas son as que permiten que o semáforo conecte co ordenador que rexistra as cifras de conteo para que así lle indique ao aparato electrónico de que cor debe estar o semáforo en cada momento. Por iso, debido a este suceso, durante a fin de semana os semáforos deron erros nas súas medicións.
A empresa encargada da xestión dos semáforos está traballando na reparación das instalacións, tratando de reforzar a anclaxe destas antenas ás sinais, para que sexan máis seguras, aínda que seguirán accesibles, polo que o Concello condena rotundamente estes actos e pide responsabilidade e civisimo.
Así a todo, o Goberno local tamén lembra que é posible consultar os semáforos de cada praia de xeito intuitivo, sinxelo e en tempo real a través da web do Concello (www.concellodemarin.es). Ademais, a través deste portal pódese observar tamén o mapa de calor do areal, no que se indica a ocupación de xente en cada unha das franxas do mesmo.
Relacionadas:
-
Detido o autor dunhas pintadas no casco urbano de Marín
Por Redacción |
-
Rouban os 'pasa areas' da praia de Mogor
Por Redacción |
-
Marín estuda crear unha zona adaptada a persoas con discapacidade nunha das súas praias para o verán 2021
Por Redacción |
-
Intelixencia artificial e semáforos virtuais e físicos para saber desde a casa se hai oco nas praias de Marín
Por Natalia Puga |
-
Un semáforo informará do nivel de aforo das praias de Marín
Por Redacción |