Rueda destaca o "papel importante" do PP na Deputación
Por Oskar Viéitez
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, mantivo este mércores unha reunión de traballo con deputados provinciais do partido para, amais de valorar a actividade diaria do grupo, estar perfectamente coordinados entre a sede provincial e os deputados para darlle unha óptica de partido á situación actual da institución provincial.
Alfonso Rueda destacou o papel importante do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, "con propostas fundamentais que defenden unha idea clara do que debe ser a provincia".
"Esa presencia e comunicación constante nos diferentes concellos, cos veciños, permite que na Deputación de Pontevedra se fale dos problemas e inquedanzas reais de toda a provincia, e por iso é fundamental que o sigan facendo", defende. Nesta liña, puxo como exemplo o traballo feito para reclamar a liberación dos remanentes locais.
Nesta liña, recorda que o PP é o único partido da corporación que ten deputados en todos os partidos xudiciais da provincia, "por iso son a voz que representa sen excepción e por igual a todos os concellos".
Por último, Rueda pediu que os deputados populares continúen "traballando co mesmo compromiso e dedicación porque temos por diante meses complicados, que precisan do esforzo e compromiso de todos".