A casa consistorial de Poio terá unha nova cuberta antes do verán de 2021
Por Redacción
Seis meses de prazo terá a empresa Construcciones Orega para remodelar de xeito integral a cuberta da casa consistorial de Poio. A previsión, polo tanto, é que este proxecto poida estar rematado antes de que chegue o verán do próximo ano.
O goberno municipal adxudicou esta actuación por 238.704,13 euros. A empresa ofertou ademais un período de garantía de obra de 36 meses.
O proxecto contempla a substitución da cuberta actual, que permitirá mellorar a eficiencia enerxética, grazas á dotación dun sistema de illamento moito máis eficaz que servirá para reducir filtracións de aire e humidade, co conseguinte aforro dos custes eléctricos.
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, explicou que as obras non afectarán ao funcionamento habitual do consistorio, que continuará prestando servizo á veciñanza con normalidade.
Ademais, o edil socialista sinalou que entre os beneficios desta obra tamén hai que engadir un maior aproveitamento do espazo na planta superior, que pasará a contar con dúas oficinas a maiores y outros tantos almacéns, cunha superficie útil de máis de 120 metros cadrados.
As obras iniciaranse coa demolición da cuberta existente e da súa estrutura, formada por tabiques 'palomeros' de ladrillo e viguetas prefabricadas de cementoferro. Posteriormente, pasarase a construír a nova cuberta, mantendo a xeometría orixinal a catro augas.
O novo espazo útil na planta de baixocuberta será unha realidade mediante a instalación dunha bufarda de once metros de fronte no faldón posterior da cuberta, con tres ocos verticais que seguen a composición da fachada.
O novo material constará dunha tella cerámica curva sobre un panel composto por fibrocemento e poliuretano, garantindo deste xeito o illamento térmico.
Ademais, a nova cuberta contará con pórticos e correas de madeira laminada e tamén se habilitarán luminarias LED, que garanten un maior aforro no consumo enerxético.
Esta actuación financiarase a través dos fondos que o Concello obtivo do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).