Poio tramita a substitución da cuberta da Casa Consistorial por 277.700 euros
Por Oskar Viéitez
A Comisión de Urbanismo vén de aprobar o proxecto básico e de execución para a substitución da cuberta da Casa Consistorial de Poio. Esta actuación financiarase a través dos fondos que o Concello obtivo do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que foron tramitados pola Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís.
En total, a Administración municipal recibiu uns 500.000 euros aproximadamente, que non só se investirán nesta obra, senón tamén na reparación da cuberta do pavillón polideportivo da Seca e na mellora do ximnasio municipal. Estes últimos tamén superaron xa todos os trámites previos ao inicio do proceso de licitación. En todos estes casos, o que se busca é que estes equipamentos municipais pasen a contar cun sistema de illamento moito máis eficaz, eliminando filtracións de aire e problemas de humidade, o que redunda no aforro de custes enerxéticos.
O proxecto da cuberta do Concello contempla o desmantelamento do material de cubrición actual, formado por tella cerámica curva sobre placas de fibrocemento; así como a súa estrutura de viguetas prefabricadas de formigón armado, apoiadas sobre tabiques palomeiros de ladrillo oco. Tal e como consta na documentación, o novo material constará dunha tella cerámica curva sobre un panel composto por fibrocemento e poliuretano, garantindo, deste xeito, o illamento térmico. Ademais, a nova cuberta contará con pórticos e correas de madeira laminada.
No proxecto que sae a licitación especifícase o mantemento da xeometría a catro augas actual. Os traballos permitirán, a maiores, obter un mellor aproveitamento do espazo xerado baixo cuberta, que facilitará a dotación de espazos para almacenaxe e novas oficinas. Instalarase alumeado interior led, que tamén garante un maior aforro en custos de consumo. O orzamento desta actuación ascende a máis de 270.700 euros (IVE incluído).
O proxecto conta co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio e o seu prazo de execución será de seis meses. O concelleiro de Promoción Económica confía en que a obra estea rematada a finais do vindeiro ano.