A Audiencia Nacional declara firme a sentenza que desestimou o recurso da APDR contra a caducidade da concesión de ENCE
Por Oskar Viéitez
A Audiencia Nacional ven de declarar a firmeza da sentenza notificada o pasado mes de maio, pola cal o tribunal desestimou o recurso contencioso administrativo interposto pola Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) que pretendía que se declarase a caducidade total da concesión de dominio público sobre a que se asenta a fábrica de Ence en Pontevedra.
Nun comunicado emitido pola compañía pasteira infórmase que ao non presentar a APDR recurso de casación no prazo establecido para o efecto, a Audiencia Nacional elevou a firme a súa sentenza.
No seu escrito a Dirección da empresa de celulosas sinala que "a sentenza desestima todos os motivos esgrimidos pola APDR para considerar caducada a concesión e, entre eles, o argumento de que a planta xere efectos prexudiciais para o medioambiente, quedando así plenamente acreditado que a planta cumpre con toda normativa ambiental en vigor que lle é de aplicación".
Para ENCE esta sentenza, agora firme, "afonda na postura que xa manifestou a Audiencia Nacional na súa sentenza de decembro de 2018 ao resolver o recurso que sobre a mesma cuestión expuxo o Concello de Pontevedra, empregando para iso unha argumentación similar á esgrimida pola APDR".
Doutra banda, a empresa está á espera de que a Audiencia Nacional dite sentenza nos tres recursos presentados contra a prórroga da concesión, previsiblemente antes de fin de ano.
Relacionadas:
-
Traballadores de Ence mobilízanse contra a Lei do Cambio Climático que pechará a fábrica no 2033
Por Manu Otero |
-
Ence declara perdas de 42 millóns de euros no que vai de 2020
Por Redacción |
-
Ence becará a universitarios recén titulados para traballar na súa fábrica de Lourizán
Por Redacción |
-
A Audiencia Nacional rexeita o intento de Ence de achegar novas probas na causa xudicial
Por Redacción |
-
A Audiencia Nacional desestima un recurso da APDR no que pedía a caducidade da concesión de ENCE
Por Redacción | Creada e actualizada