A Audiencia Nacional desestima un recurso da APDR no que pedía a caducidade da concesión de ENCE
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A empresa Ence deu a coñecer este venres unha sentenza da Audiencia Nacional que supón un importante apoio á súa permanencia na súa ubicación actual de Lourizán ata o ano 2076. Segundo ese fallo, o organismo xudicial desestima un recurso contencioso administrativo presentado pola Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) que pretendía que se declarase a caducidade total da concesión para a súa permanencia.
Segundo a información facilitada por Ence, a Audiencia Nacional desestimou todos os motivos aos que facía referencia a APDR para botar por terra a concesión, entre eles, o argumento da asociación ecoloxista de que a planta xera efectos prexudiciais para o medio.
O tribunal lembra que Ence ten en vigor unha autorización ambiental integrada (AAI) e que o recurso da APDR non acredita que a mesma se incumprise.
A empresa cre que con este fallo xudicial o tribunal afonda na postura que xa manifestou a Audiencia Nacional cando, en decembro de 2018, ditou unha sentenza en relación a un recurso do Concello de Pontevedra que empregaba a mesma argumentación que a APDR.
A empresa está á espera de que a Audiencia Nacional dite sentenza sobre tres recursos presentados contra a prórroga da concesión concedida no ano 2016 para a súa permanencia durante 60 anos máis en Pontevedra. Está previsto que eses fallos cheguen na segunda metade do ano.
Ence aproveitou esta sentenza para expresar o seu "firme compromiso coa sustentabilidade e o seu decidido propósito" de contribuír á saída da actual crise sanitaria e económica a través dun modelo de negocio que afonda nos principios da economía circular. A compañía insiste en que traballa para avanzar na apertura e o diálogo coas comunidades coas que convive, e traballa para achegarlles emprego, benestar e valor.
A APDR quixo contextualizar este fallo xudicial que desestina o seu recurso contra a decisión do Ministerio de Medio Ambiente de declarar a caducidade parcial da concesión da fábrica e aclarou que a empresa "pretende converter nun éxito un fallo que, tendo en conta algúns precedentes sobre este particular, era agardado", e que non fai mudar "en absoluto" a situación da empresa no que á súa continuidade en Lourizán se refire.
Na asociación ecoloxista, de feito, aseguran que "non causou sorpresa o sentido do fallo". Recoñecen que non están satisfeitos con algunhas cuestións de forma da resolución que, en boa medida, reproduce os argumentos -e o fallo- esgrimidos con anterioridade ao resolver o recurso do Concello de 2018. Así, sinalan que aínda que algunhas cuestións propostas pola APDR figuraban tamén no presentado polo Concello de Pontevedra, había moitas outras cuestións medio ambientais que "merecían, ao noso entender, un tratamento de maior calado e consideración".
Na APDR seguen entendendo que existen razóns abondo para decretar a caducidade total de ENCE -algunha delas similar as consideradas para decretar a caducidade total de Elnosa- e estudarán a posibilidade de recorrer diante do Tribunal Supremo.
Relacionadas:
-
A Audiencia Nacional declara firme a sentenza que desestimou o recurso da APDR contra a caducidade de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR acusa a Núñez Feijóo de representar os intereses de Ence no Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
A APDR pregunta pola legalidade das obras que está a realizar Ence preto da estrada a Marín
Por Redacción |
-
Defensa da ría de Pontevedra pide a nulidade da prórroga de ENCE nun recurso de alzada ante Medio Ambiente
Por Oskar Viéitez |