![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/b1a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5f7212b1b1-unnamed.jpg)
© Concello de Caldas
A caravana morada escenifica en Caldas o rexeitamento comunitario á violencia machista
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A rúa Real de Caldas recibiu este luns a visita da caravana morada, un proxecto impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural que ten como obxectivo informar, asesorar e visibilizar sobre o rexeitamento comunitario ao acoso e ás agresións machistas nun roteiro que a levará polos municipios da comarca do Salnés e do Ulla-Umia.
O posto permaneceu nesta céntrica rúa da vila atendida por profesionais en psicoloxía contra a violencia de xénero e técnicos en criminología e igualdade que trataron de achegar esta problemática a toda a sociedade. Ata o lugar achegáronse a xerente do GDR, Arancha Pérez; o tenente de alcalde, Manuel González; a concelleira de Igualdade, Inés Fuentes; o concelleiro Jacobo Pérez e o alcalde Juan Manuel Rey.
Ademais de informar e visibilizar este mal, na caravana tamén prestan atención persoal ás mulleres que así o solicitan. "É unha experiencia moi positiva que permite entrar en contacto directo con moitas persoas que despois profundan as consultas por teléfono co persoal posto a disposición polo GDR", explicou Pérez.
Co estalido da pandemia e a declaración do estado de alarma, o número de agresións deste tipo incrementáronse e as chamadas ao 016 creceron en máis dun 40 %. Por iso, o carácter itinerante desta campaña supón unha gran vantaxe para tratar de axudar ás mulleres do rural, que padecen o 80 % dos casos e que moitas veces non son denunciados.