A Garda Civil detén catro veciños de Vilagarcía por tráfico de drogas, pertenza a grupo criminal e tenencia de armas
Por Redacción
Un operativo da Garda Civil en Vilagarcía saldouse co desmantelamento dun presunto grupo criminal que se dedicaba ao tráfico de drogas. Como resultado da intervención acabaron detidos catro persoas de nacionalidade española e veciños do municipio, así como a incautación de 3,4 quilos de cocaína, unha importante cantidade de precursores para a súa elaboración, varias armas de fogo e tres vehículos.
Dentro da operación Acetona Branca, levada a cabo polo EDOA da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia de Garda Civil de Pontevedra, os axentes procederon á entrada e rexistro de catro pisos e un rocho en Vilagarcía onde se interveu tamén material informático, teléfonos móbiles, unha prensa para facer paquetes, moldes, un inhibidor de frecuencia e máquinas de contar diñeiro.
Ademais, os gardas fixéronse tamén con dúas pistolas de nove milímetros, unha escopeta recortada, un rifle e unha considerable cantidade de munición para estas armas.
Os detidos, algún deles con antecedentes relacionados co tráfico de drogas, pasaron a mañá do sábado ao dispor do Xulgado número 1 de Vilagarcía, que decretou o ingreso en prisión de tres deles.
Relacionadas:
-
Incautan seis toneladas de sardiñas descargadas no peirao de Portonovo
Por Redacción |
-
Decretan o ingreso en prisión para os dous detidos nunha lancha en Vilanova como presuntos autores dun delito de contrabando
Por Redacción |
-
Dous detidos nun operativo contra o tráfico de drogas tras localizarse unha narcolancha baleira en Vilanova
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Interceptado un veleiro cunha importante cantidade de cocaína con destino ás Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |