Dous detidos nun operativo contra o tráfico de drogas tras localizarse unha narcolancha baleira en Vilanova
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha operación da Garda Civil aínda en marcha deixou este venres dúas persoas detidas en Vilanova de Arousa pola súa presunta relación co narcotráfico.
O operativo, no que participan diversas unidades da Garda Civil, entre elas a Policía Xudicial, comezou de madrugada coa localización dunha narcolancha no porto de Vilanova grazas aos dispositivos de vixilancia específicos do instituto armado.
Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, tras a localización da lancha procedeuse á detención de dúas persoas que xa foron trasladadas á Comandancia de Pontevedra
De momento, non transcenderon datos persoais dos dous detidos.
A narcolancha, chamada Climax II, estaba baleira, pero está a investigarse se acababa de realizar unha descarga de droga.
A operación continúa aberta e a Policía Xudicial, que se fixo cargo da investigación, está a realizar labores de procura pola comarca para tentar determinar se efectivamente realizouse esa descarga previa. Non se descartan máis detencións nas próximas horas.