San Sebastián solicita a ordenanza de Mobilidade de Pontevedra
Por Redacción
O Concello de San Sebastián púxose en contacto coa Alcaldía para solicitar o texto da "Ordenanza reguladora da mobilidade amable e dos espazos públicos no Concello de Pontevedra" aprobada este pasado luns polo pleno.
A solicitude produciuse o martes no marco da participación de Pontevedra na presentación do informe Horizonte C3: Ciudades casi cero da Fundación Mapfre no que participaron os directores xerais de Alcaldía e Urbanismo, Infraestruturas e Obras e Seguridade cidadá.
Nese foro, o director xeral de Alcaldía, Xosé Manuel Tato comentou que Pontevedra viña de aprobar unha nova ordenanza de mobilidade e pasou a informar brevemente do seu contido.
Segundo informou o gabinete de comunicación do Concello, ao remate desa reunión, o concello de San Sebastián expresou o seu interés nesta nova norma "porque en Pontevedra sempre facedes cousas que son referencia".
O Concello vén de remitirlle ao departamento de Mobilidade de Donostia a ordenanza.
CHIHUAHUA
Por outra banda, o Concello de Pontevedra mantivo este xoves unha vídeoconferencia coa localidade mexicana de Chihuahua interesada en coñecer o modelo de cidade. O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera atendeu ao equipo redactor do novo Plan xeral da cidade americana, que ten unha poboación superior aos 800.000 habitantes.
Chihuahua está inmersa en pleno proceso de redacción dunha normativa urbanística para a cidade e está a consultar as experiencias máis destacadas do mundo, tal e como llo fixeron saber ao concelleiro César Mosquera. Entre estas cidades contactadas está Pontevedra, á que requeriron información sobre o inicio do proceso da reforma urbana, as reaccións veciñais, a importancia da actividade económica, as medidas técnicas implantadas, o transporte público...
Relacionadas:
-
"Ningún veciño ten que terlle medo a circular en coche pola cidade"
Por Redacción |
-
Os "polis tolos" difundirán na cidade a nova ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Activan a campaña "Pontevedra Suma" para divulgar a nova ordenanza de mobilidade
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno aproba a nova ordenanza de mobilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |