O pleno aproba a nova ordenanza de mobilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Despois de dous anos de traballo a Ordenanza de Mobilidade foi aprobada polo Pleno da Corporación cos votos a favor dos concelleiros do BNG, do PSOE e o edil non adscrito, Goyo Revenga. O PP votou en contra.
De pouco serviron os intentos do Partido Popular para que fose retirada da orde do día para que se reformulase o seu contido "tendo en conta a opinión dos colectivos sociais da cidade".
O edil do PP, Pablo Fernández, valorou esta nova normativa "extemporánea e insuficiente" e xustificou o voto en contra do seu grupo municipal alegando que "non podemos apoiar un texto que de base discrimina ás persoas con diferentes discapacidades", dixo en referencia á limitación a 24 horas das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
"Retire este punto e contará coa nosa colaboración", dixo Pablo Fernández.
O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, afirmou que era "evidente que vostedes querían votar en contra" e sinalou a "contradición" na que, ao seu xuízo, incorre o PP ao votar neste mesmo pleno a favor da adhesión do Concello á Rede Ágora, un programa da Deputación de Pontevedra co que pretende impulsar políticas de recuperación urbana que permitan multiplicar o espazo público destinado ás persoas.
César Mosquera é o impulsor da Ordenanza de Mobilidade e tamén da Rede Ágora, e sorprendeuse ao ver que o PP rexeita a primeira e apoia a segunda "é francamente simpático porque os principios son os mesmos". E é que, segundo resumiu o concelleiro nacionalista, "a ordenanza o único que trata é de reflectir o modelo urbano".
ORDENANZA
Esta ordenanza reforza o carácter peonil da cidade do Lérez, priorizará os desprazamentos a pé sobre outros vehículos e inclúe regulación sobre patinetes eléctricos, entre outras cuestións.
Na nova ordenanza todos os espazos públicos municipais teñen preferencia peonil, excepto os reservados expresamente para a mobilidade motorizada, polo que todos os vehículos deberán adaptar a súa velocidade .
A ordenanza establece unha velocidade máxima de 30 quilómetros de hora para todo o municipio. Este límite redúcese a 10 quilómetros por hora no centro histórico ou zonas de plataforma única, e inclúe a bicicletas e patinetes eléctricos. Esta medida xa se aplicou desde hai uns meses porque no Goberno local "pensamos que estas medidas hai que poñelas en marcha gradualmente", apuntou Mosquera.
Ademais, todas as pistas do rural pasarán a ter a consideración de áreas de preferencia peonil. Os vehículos de motor, bicicletas ou patinetes, por tanto, só poderán circular pola calzada e non poderán empregar as beirarrúas en ningún caso, mentres que nas zonas de plataforma única deberán adaptar a súa velocidade ao paso do peón.
A única excepción a esta norma serán os menores de doce anos, que si terán autorizados ir coas súas bicicletas ou vehículos de mobilidade persoal polas beirarrúas; aquelas persoas que vaian en cadeiras de rodas motorizadas, que son asimilados en dereitos aos peóns; ou os vehículos de emerxencia ou de servizos públicos esenciais, que poderán entrar en áreas peonís.
Terán prohibido a circulación polo municipio, tanto por vías urbanas como núcleos rurais, os vehículos que teñan máis de dez metros ou pesen máis de dez toneladas, salvo que se autorice expresamente; e tampouco se permitirán competicións e carreiras que non teñan a consideración de eventos deportivos.
SANCIÓNS
A nova ordenanza vai acompañada dun réxime sancionador que, entre outras cuestións, inclúe multas de 200 euros para os que circulen polas beirarrúas con bicicletas ou patinetes e para os que aparquen sobre as beirarrúas ou en espazos non aptos para a circulación ou excedan o tempo permitido en zonas de servizos.
Superar a velocidade máxima tamén poderá supoñer unha multa de 200 euros, que chegará ata os 500 se se aprecia unha condución neglixente ou temeraria.
Neste último suposto, entre outros, inclúese circular facendo eses para esquivar aos peóns ou facelo pegado ás portas dos edificios ou locais comerciais.
O edil nacionalista, César Mosquera, que recoñeceu que "non foi fácil" redactar esta normativa, destacouna como "funcional" e "axustada" á realidade de Pontevedra, e aúna as normas que regularán a utilización dos espazos públicos e o sistema de mobilidade "amable" do municipio.
Relacionadas:
-
O alumnado do Sánchez sóbese á bici para descubrir como hai que moverse pola cidade
Por Manu Otero |
-
Os "polis tolos" difundirán na cidade a nova ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Activan a campaña "Pontevedra Suma" para divulgar a nova ordenanza de mobilidade
Por Alejandro Espiño |
-
San Sebastián solicita a ordenanza de Mobilidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
44 concellos pontevedreses adhírense a Rede Ágora para incrementar o espazo público
Por Oskar Viéitez |
-
O PP 'convida' o Concello a reformular a ordenanza de mobilidade, que cualifica de "extemporánea e insuficiente"
Por Redacción |
-
Unha ducia de entidades secundan a postura crítica coa ordenanza de mobilidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
En outubro entrará en vigor a nova ordenanza de mobilidade, que inclúe os patinetes eléctricos
Por Oskar Viéitez |