Moraña anima aos veciños a participar no roteiro en apoio á Asociación de Transplantados Medulares
Por Redacción
O Concello de Moraña é un dos oito municipios galegos que participa na iniciativa solidaria 'La Carrera que Nunca Para: Kilómetros de Vida', promovida pola Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) para difundir a problemática destas patoloxías e sensibilizar e concienciar sobre a importancia das doazóns de medula.
Esta actividade desenvolverase dende este venres ata o vindeiro domingo 27 de setembro e consiste na realización dun ou varios roteiros, todos eles de cinco quilómetros, entre os deseñados nos oito concellos de Galicia que se sumaron a esta iniciativa.
No caso de Moraña, o roteiro deseñado é moi coñecido pola veciñanza, xa que discorre entre a senda biosaudable da Pontenova e As Pontellas ao seu paso polo lugar de Grixó.
Ademais de Moraña, participan os municipios de Nigrán, Noia, Lugo, Baiona, Sigüeiro, Culleredo e Narón.
Os participantes, que poden inscribirse en calquera momento a través da páxina web www.lacarreraquenuncapara.com, teñen que facer o percorrido andando ou correndo e informar da súa realización, así como dar cumprimento á normativa de cada municipio e dos protocolos de seguridade sanitaria para previr contaxios de COVID-19.
A inscrición ten un custo simbólico de 3 euros que terá fins solidarios, xa que a recadación destinarase integramente á realización dos programas 'Como en Casa' e 'Servizo de Atención Psicosocial', promovidos por Asotrame e destinados a persoas que padecen diagnósticos oncohematolóxicos.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, destacou a importancia desta iniciativa e fixo un chamamento aos veciños para que se animen a participar e colaborar con Asotrame.