A carreira de bicicleta de montaña máis épica volve aos montes de Pontevedra
Por Manu Otero
A Epic Race é máis forte que o coronavirus. A carreira de bicicleta de montaña que organiza cada ano a empresa pontevedresa GlobalDXT celebrará este ano a súa cuarta edición nun contexto de pandemia mundial e con todas as garantías sanitarias para participantes e organizadores. "Foi moi complicado sacala adiante, pero se superamos isto, a proba irá seguro en curva ascendente", declarou o director da carreira, Josevi Cimadevila, durante a presentación da proba que tivo lugar este venres no pazo provincial.
Con estritas medidas para evitar contagios por Covid-19 e cumprindo o protocolo deseñado pola Federación Galega de Ciclismo e avalado pola Xunta, a Epic Race celebrarase entre o 12 e 13 de setembro en dúas modalidades de diferente nivel de esixencia. A máis dura presenta un percorrido de 300 quilómetros divididos en sete etapas e cun desnivel positivo superior aos 8.000 metros que os participantes deben completar nun máximo de 28 horas.
Para os que non estean preparados para un reto tan esixente, a organización deseñou un trazado alternativo, de 200 quilómetros, dividido en catro etapas e cun desnivel de 5.000 metros que debe ser completado en 19 horas.
A inscrición atópase aínda aberta e os corredores poden participar en solitario, parellas ou por equipos. "Un ciclista afeccionado, de fin de semana, pode conseguilo nun equipo de tres, é unha aventura", sostén o organizador animando aos indecisos a inscribirse nunha proba que discorrerá pola costa e os montes de municipios como Pontevedra, Ponte Caldelas, Mos, Portas, Moraña, Cuntis, Fornelos, Cerdedo-Cotobade ou Poio.
No plano competitivo, a cancelación da maior parte das probas nacionais de BTT permitiu á Epic Race contar cun dos mellores carteis da súa historia. Tomarán a saída en Pontevedra ciclistas de recoñecido prestixio internacional como Quique Beltrán, Paco Mancebo, Brandán Vázquez, Tiago Silva ou Lara Lois. Ademais, desde a organización celebran que nesta edición crecese de forma notable a presenza de mulleres entre os participantes.
"Non é só deporte, tamén é promoción turística", declarou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a presentación dun evento no que "todo está organizado para garantir a saúde da xente", engadiu a mandataria mentres encomiaba o empeño de Cimadevila e o seu equipo para sacar adiante a organización desta carreira nunhas circunstancias tan complicadas. En termos similares expresáronse tamén representantes dos concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas e Portas, que colaboran na organización da Epic Race.