Demandan á Xunta a creación dunha sala de espera no Centro de Saúde de Carballedo
Por Redacción
O grupo socialista de Cerdedo-Cotobade reclama á Xunta de Galicia a instalación dunha sala de espera "en condicións" no Centro de Saúde de Carballedo. Paloma Castro, deputada do PSdeG-PSOE trasladará esta demanda ao Parlamento de Galicia despois de visitar este espazo e comprobar como os pacientes teñen que esperar na rúa para ser atendidos.
Segundo explicaba Paloma Castro esta situación é "denigrante e atenta contra os dereitos dos pacientes". Na maioría dos casos, os usuarios deste centro de saúde son persoas de avanzada idade con diferentes enfermidades. Sinala que a obrigación de manter a distancia social no centro provoca esta situación na que os pacientes se atopan fóra do edificio para esperar a súa quenda de atención sanitaria.
Desde o grupo socialista mostra a súa preoucpación ante a chegada de condicións meteorolóxicas adversas que dificulten aínda máis esta situación. O Centro de Saúde atópase no edificio do multiusos do Concello desde fai case dez anos. Esta decisión do actual alcalde Jorge Cubela provoca que tamén se rexistren outras carencias como a falta de aparcamentos, de prazas de ambulancia ou a desaparición do servizo de pediatría.