A alcaldesa de Meis e CIG-Ensino denuncian que o CPI Mosteiro Meis comezará o curso sen equipo directivo, ao estar en corentena
Por Redacción
Nas probas realizadas ao profesorado do CPI Mosteiro Meis detectábase un caso positivo en Covid-19, en concreto o caso do director. Iso obrigou a que todo o equipo directivo do centro gardase corentena desde a pasada fin de semana.
A CIG-Ensino denuncia que o profesorado non puido acudir ao centro durante estes días para preparar o inicio do curso e tampouco se puido finalizar o desenvolvemento dos protocolos sanitarios nin a organización do comedor escolar. Pero, a pesar destas carencias, o sindicato nacionalista denuncia que a inspección educativa baixo ordes directas de César Pérez Ares, Xefe Territorial de Educación, obrigou a que o curso comece con "normalidade", a pesar da ausencia do equipo de dirección, en total, os seus catro integrantes e outras catro persoas máis que estiveron en contacto.
Os representantes sindicais consideran esta medida "aberrante" ao entender que vai contra a calidade do ensino público e a saúde do alumnado e do profesorado. A CIG-Ensino aproveita esta circunstancia para denunciar a falta de preocupación por parte da Consellería de Educación e anima ao profesorado para secundar a folga prevista para este xoves, que se atopa apoiada polas principais federacións de Anpas e polas asociacións de estudantes.
Sinalan que a actitude por parte da Consellería ao non garantir a saúde nos centros escolares é unha "irresponsabilidade manifesta". Tamén a alcaldesa de Meis Marta Giráldez amosaba a través das redes sociais a súa indignación ante este inicio das clases sen garantías para a comunidade escolar.
Relacionadas:
-
A folga de educación aprázase unha semana
Por Redacción |
-
O colexio de Mosteiro, sen nenos ata que Educación garanta aos pais que "é seguro" tras un caso de COVID-19
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra pasa a ser 'zona de especial restrición' pola COVID-19 un día antes da volta ao cole
Por Oskar Viéitez |
-
Un informe da Deputación conclúe que a desinfección dos colexios non é competencia dos concellos
Por Redacción |