Ana Pontón: A "improvisación" da Xunta no regreso ás aulas é unha "falta de respecto" á comunidade educativa
A volta aos colexios, segundo a portavoz nacional do BNG, non se está facendo con todas as garantías sanitaritas e educativas que esixe a pandemia da COVID-19. Ana Pontón asegura que a Xunta está "instalada" nunha política de "improvisación" e dedícase unicamente a "botar balóns fóra" cando as competencias en educación son "exclusivas" de Galicia.
Tras reunirse coa federación de ANPAS de Pontevedra, Pontón lamentou que o goberno de Núñez Feijóo "non fixo os deberes" a pesar de que tivo seis meses para preparar o regreso ás aulas. Isto derivou, engadiu, nunha situación de "incerteza" que considera unha "falta de respecto" para toda a comunidade educativa e para as familias.
A dirixente do BNG denunciou que, a escasos días de que comece o curso escolar, entre outras cuestións, "hai familias que non saben se os seus fillos terán quenda de mañá ou de tarde e os profesores non saben como actuar en caso de gromos".
"É impresentable que a estas alturas non exista nin tan sequera un protocolo claro de actuación", sinalou a líder nacionalista, que defendeu que Galicia "non pode permitir que toda unha xeración de nenos e nenas perda algo tan importante como o dereito á educación".
Ante as portas do IES Valle Inclán, Ana Pontón pediu a Núñez Feijóo que "rache con esta incerteza" e que "asuma as súas competencias e as súas responsabilidades" para que "no tempo que queda" Educación consensúe un protocolo "seguro e eficaz".
O BNG considera "necesario" contratar máis profesores en todos os niveis educativos e reducir as cocientes de alumnos para " mellorar a seguridade" dos centros escolares. Ademais, os nacionalistas reclaman un "fondo extraordinario" para as actividades das ANPAS, entre elas os comedores escolares e o Plan Madruga.
As medidas impostas pola pandemia, segundo datos das propias ANPAS, fixeron que o custo dos comedores crecese un 40%, un incremento que non poderán soportar as familias ante a "asfixia económica" que atravesan, segundo Pontón, e que se agrava coa renovación dos libros de textos ou a compra de máscaras.
Actualmente, lembrou a portavoz do BNG, "están no aire" os comedores e todas as actividades extraescolares, o que provoca que miles de familias non saiban como van poder conciliar esta situación coa súa vida laboral. "Que existan estes servizos complementarios é un elemento básico para a conciliación e a Xunta ten que responsabilizarse", afirmou.
Este fondo extraordinario debe ademais "dar garantías" ás ANPAS desde un punto de vista xurídico e a Xunta acompañalo da repartición gratuíta de máscaras en todos os colexios. A maiores, os concellos gobernados polo BNG, adiantou Pontón, asumirán os gastos de limpeza e desinfección, a pesar de que "non é a súa competencia".
Relacionadas:
-
Román Rodríguez toma posesión do cargo e convoca a comunidade educativa para tratar o inicio do curso
Por Redacción |
-
Cuntis e a ANPA do colexio Don Aurelio mercarán 18.000 máscaras para o inicio do curso
Por Redacción |
-
7.914 escolares de Pontevedra volverán ás aulas a partir do 10 de setembro
Por Manu Otero |
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |
-
A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero |