Segue o aumento de casos activos na área sanitaria: 24 positivos e dous pacientes máis no hospital nun día
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este xoves un total 271 casos activos de coronavirus, dos que dez están ingresados nos hospitais. O dato, facilitado polo Servizo Galego de Saúde, significa un novo incremento da incidencia da enfermidade, que se mantén desde hai semanas xa en niveis de antes do verán.
Nas últimas 24 horas confirmáronse 24 novos positivos, aínda que en realidade tan só hai 21 casos activos máis porque hai que contabilizar tres pacientes que se curaron na mesma xornada.
Estes 24 novos positivos, se se suman aos 28 rexistrados o mércores, supoñen un crecemento de 52 novos contaxiados en só dúas xornadas. A pesar de ser un incremento importante, desde a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés apuntan a que se trata de "casos illados" e negan que se trate de brotes de coronavirus. Ata o momento, de forma oficial, tan só chegaron a recoñecer un brote en Caldas, ningún máis en cinco meses e medio en toda a área sanitaria.
Un dos datos máis preocupantes é o aumento de pacientes nos hospitais, que alcanza a decena. Este xoves 3 de setembro hai oito ingresados en planta de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, dous máis que o día anterior. Ademais, hai dous pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, os mesmos que o mércores.
Os 261 casos activos restantes permanecen evolucionando nos seus domicilios, en corentena e baixo seguimento médico.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curaron 1.003 pacientes, tres na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 17 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 399, que se engaden ás 28.717 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés .
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recolle, na súa última actualización de datos, que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.991, un total de 144 máis que os 3.847 que se contabilizaban o mércores.
A área sanitaria con maior incidencia da enfermidade segue sendo A Coruña, con 1.425 casos activos. O resto de pacientes son 798 da de Lugo, 386 da de Ourense, 271 da de Pontevedra, 302 da área de Vigo, 659 da de Santiago, e 150 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 159 en unidades de hospitalización e 3.817 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.039 persoas curadas, rexistrándose 651 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 349.050.
Relacionadas:
-
Descenden os pacientes con coronavirus hospitalizados mentres se detectan outros 16 contaxios nunha xornada
Por Natalia Puga |
-
Un paciente ingresado en UCI do Hospital Montecelo, vítima 18 do coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
O ritmo de contaxios volve crecer na área sanitaria: 28 positivos nunha xornada
Por Natalia Puga |