O chiringo da praia fluvial de Cerdedo pecha un mes antes da data prevista
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anunciou na xornada deste martes a clausura da tempada de funcionamento do quiosco da praia fluvial de Cerdedo, que abríu as súas portas no pasado mes de xuño, no marco das novas medidas municipais de protección da saúde e de contención dos contaxios fronte á Covid-19.
Deste xeito, o chiringo, que rexistrou unha gran afluencia de público este verán polas súas condicións de seguridade e que non padeceu nin unha soa incidencia, adianta o seu peche un mes sobre a data inicialmente prevista, que era o 30 de setembro.
Esta medida, que xa se barruntaba pola alza xeralizada dos casos en todo o país e pola concorrencia de novas circunstancias tras o remate do período central das vacacións de verán, foi pactada polo goberno local coa firma concesionaria, que agradeceu a confianza depositada para esta tarefa e amosou o seu acordo para minimizar os riscos de contaxio tras o verán.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que destacou o gran traballo, nun marco de máxima seguridade, desenvolvido pola empresa á fronte do quiosco, explicou que coa fin das vacacións da maioría de veciños e visitantes e co regreso ao traballo e aos colexios é preciso actualizar os protocolos sanitarios municipais e adaptalos á nova realidade.
"As medidas que tomamos este verán, suspendendo a práctica totalidade das actividades municipais, recomendando a cancelación das festas, mantendo un mínimo servizo para axudar na conciliación de certas familias e ofrecendo certos servizos, como este quiosco, para favorecer a reactivación foron un éxito, xa que se celebraron nun marco seguro e non tivemos ningún gromo, pero agora a realidade é outra", detallou Cubela, que engadíu que o panorama dende este mes de setembro "obriga a centrarse nunha axeitada volta ás aulas en garderías, colexios e institutos e na adopción de medidas laborais para que a xente poida acudir ao seu traballo co menor risco posible".
"Por iso queremos deixar atrás as medidas propias do verán e centrarnos en que os veciños de Cerdedo-Cotobade teñan a vida máis normal posible, dentro das circunstancias, cos menores riscos para a súa saúde", indicou, antes de adiantar que nas vindeiras semanas iranse implantando e anunciando novas medidas de prevención e protocolos.