Campo Lameiro pecha as contas do 2019 cun superávit de 73.000 euros
Por Redacción
O pleno da corporación municipal do Concello de Campo Lameiro aprobou a conta xeral do ano 2019 que arroxou un resultado positivo de máis de 73.000 euros sobre un orzamento municipal que ronda o millón de euros.
O alcalde, Carlos Costa valorou o feito de que as contas municipais, o promedio de pago a proveedores e o cumprimento da norma de gasto e as normas de estabilidade orzamentaria certificaban a "boa xestión económica e a solvencia" do Concello de Campo Lameiro.
Entre outros asuntos tratados e que saíron adiante co acordo unánime polos membros da corporación municipal estiveron a normativa do rexistro de asociacións veciñais do concello e os festivos locais para o vindeiro ano que será o 14 de xuño, San Antonio, e o 29 de setembro, San Miguel.
Asemade, a corporación aprobou a aplicación da normativa de bonificacións do ICIO a dous veciños polas construcións realizadas nas súas vivendas e a adhesion ao Plan Ágora promovido pola Deputación de Pontevedra para favorece-los espazos públicos.
Por outra banda, aprobouse tamén o destino dos remanentes das obras realizadas a través do Plan Concellos 2018-19 e das obras financiadas pola Xunta a través do Plan Marco (Camiño do Fondo), Saneamento de Rozas, Camiño de Conla e posta en valor de petróglifos (peche madeira Matabois, desbroce e sinalización) para que se destinen á instalación dun sistema de rega na Carballeira do Campo da Feira e un parque infantil en Alagoa.
Tamén se aprobou o inicio do expendiente de contratación do proxecto de renovación, mellora da eficiencia enerxética e adaptación ao regulamento de eficiencia enerxética do alumeado público do concello de Campo Lameiro que conta cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) por importe de 200.804,28 euros e un investimento total de 251.005,36 euros.
No apartado de mocións, o pleno aprobou, cos votos a favor do PPdeG e Porvir e a abstención dos dous concelleiros do PSdeG-PSOE, unha moción presentada pola voceira de Porvir, Martina Viéitez Ferro, en contra da proposta do Goberno de España de facerse cos remanentes de tesourería dos concellos e pola “vulneración” da autonomía das administracións locais.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE presentou unha moción como consecuencia da polémica xurdida hai uns días ante a posibilidade de que a Xunta de Galicia reducira en dous profesores o cadro docente do CEIP Pedro Antonio Cerviño
Esta moción saiu adiante cos votos favorables dos dous edís socialistas e a abstención dos 5 concelleiros do PPdeG e os dous de Porvir ao considerar que aínda que eran contrarios á reducción de profesores no centro, a moción presentada polo PSOE non estaba actualizada xa que lle confirmaran ao alcalde que a redución de profesores limitaríase a un so profesional do ensino e que o centro mantería un total de 10 ensinantes (2 en infantil, 2 en primaria, 1 profesor de educación física, 1 profesor de inglés, 1 profesor de música, 1 PT e 1 AL, así como 1 en setembro).
Segundo o alcalde, Carlos Costa, onte mesmo a Xunta lle confirmaba que a petición da dirección do centro de non diminuír nada máis que nun efectivo o cadro de persoal docente era aceptado e que polo tanto a merma que se prevía quedaba reducida a un mestre, cumprindo así con 10 profesores o ratio previsto para o alumnado existente.
Precisamente este tema deu orixe a un pequeno debate entre os tres grupos políticos presentes na corporación sobre a necesidade de implementar medidas que fagan que os 140 nenos empadroados no concello menores de 10 anos se escolaricen no CEIP Pedro A. Cerviño en lugar de escoller outros colexios fóra do municipio o que vai en detrimento do mantemento do cadro de persoal do centro educativo en Campo Lameiro.