O Concello mellora o proxecto do parque do barrio do Burgo e retoma as obras
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural retoma os traballos que dotarán ao barrio do Burgo dun novo parque ao iniciar as obras de pavimentación da parcela de 652 metros cadrados situada entre a rúa Fernández cochón e a avenida de Compostela, na parte traseira do Pavillón Municipal.
O responsable do departamento, Iván Puentes, anunciou este venres que o plan inicial de rexeneración paisaxística verase mellorado ao incorporar 400 metros cadrados doutra parcela lindeira (da que se retirou hai semanas un coche abandonado). Este novo terreo permitirá construír unha pista adicional de petanca e outros dous campos de xogo de chave.
"O resultado será a creación dunha nova zona verde de 1.000 metros cadrados, que servirá de lugar de encontro, lecer, xogo e descanso para os veciños do Burgo, nun espazo moi degradado, abandonado durante todos estes anos e ocupado polos entullos e a maleza. Investiremos máis de 86.000 euros en dotar estas dúas parcelas de tres pistas de petanca, xogos de chave, amplos bancos, xardíns, unha fonte, sistemas de iluminación e rego automático e diversas árbores que permitan establecer zonas de sombra", detallou o concelleiro socialista.
Os traballos de acondicionamento da zona puxéronse en marcha en febreiro, pero o estado de alarma obrigou a paralizalos ata o de agora. Unha vez completadas os labores de limpeza e demolición de elementos innecesarios, comezará o proceso de pavimentación dos terreos.
Este novo proxecto permitirá crear un parque moito máis amplo e servirá para mellorar a comunicación da zona de Pasarón coa avenida de Compostela mediante unha senda que conectará ambos os espazos e a capela de Santiaguiño do Burgo.