Elevan a 51 os sanitarios de Montecelo en corentena por estar en contacto cun falecido con Covid-19
Por Natalia Puga
Un total de 51 profesionais do Hospital Montecelo están en corentena nos seus domicilios tras estar en contacto cun paciente de 69 anos que o pasado sábado faleceu por Covid-19 cando estaba ingresado en Pneumoloxía deste centro.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou que rematou a investigación dos contactos de maior e menor risco entre o persoal que atendeu a este paciente e pasou de ter 33 profesionais en corentena a 51.
O servizo de Medicina Preventiva e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra optaron nas últimas horas por incrementar a cifra de efectivos en corentena domiciliaria despois de facer seguimento de todos os seus contactos. Son profesionais do servizo de Pneumoloxía no que estivo ingresado durante días, da Unidade de Curta Estancia na que ingresou inicialmente, do servizo de Urxencias no que foi atendido nun primeiro momento e tamén de Cardioloxía porque houbo que realizarlle unha valoración desta especialidade durante a súa estancia no hospital.
Eses 51 profesionais están en corentena domiciliaria, a todos se lles realizou xa probas PCR e deron resultado negativo. De todas as PCR realizadas vencelladas a este caso, todas deron negativo agás a dunha técnico en coidados auxiliares de enfermería que atendera ao paciente o día 13.
O paciente deu inicialmente resultado negativo na proba PCR, pero cando xa levaba oito días ingresado e pasara polos servizos de Urxencias, Curta Estancia e Pneumoloxía, deu resultado positivo. Nove días despois do ingreso, faleceu.
Este paciente ingresou por Urxencias o pasado 6 de agosto procedente de Venezuela. Trátase dun home con múltiples factores de risco cardiovascular e pulmonar e, tras unha valoración inicial, acordouse o seu ingreso hospitalario cun prognóstico grave. Ese día realizáronlle unha proba PCR que resultou negativa e ingresou primeiro na unidade de Curta Estadía e, posteriormente, na planta de hospitalización de Pneumoloxía.
O venres 14 de agosto, un día antes da súa morte, realizáronlle unha nova proba PCR porque se tivo constancia de que no voo no que viaxara este paciente desde Venezuela detectouse un caso positivo. Nese momento púxoselle en corentena e realizóuselle unha nova PCR. A proba realizóuselle ese mesmo día "por tratarse dun contacto estreito dun caso sen indicio de infección activa" e esa mesma tarde sóubose que daba resultado positivo.
Ás 19.00 horas dese mesmo día iniciáronse o tests con PCR ao persoal que tivo maior risco de exposición.
Relacionadas:
-
Pontevedra e O Salnés contabilizan este luns 24 novos positivos de Covid-19 e 141 casos activos
Por Diego Espiño |
-
A curva dispárase na área sanitaria: 27 novos positivos por Covid e 120 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Sobe a dous o número de pacientes de Covid na UCI de Montecelo, con 96 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Ingresa na UCI de Montecelo o primeiro paciente con Covid-19 desde o mes de maio
Por Manu Otero |
-
Descenden ata os 80 casos activos de coronavirus en Pontevedra mentres seguen a subir no resto de Galicia
Por Diego Espiño |