Un total de 33 profesionais de Montecelo, en corentena por estar en contacto cun paciente con Covid-19 que finalmente morreu
Por Natalia Puga
Un total de 33 profesionais do Hospital Montecelo atópanse en corentena nos seus domicilios tras estar en contacto cun paciente de 69 anos que o pasado sábado faleceu por Covid-19 neste centro hospitalario.
Segundo a información confirmada pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnes, o paciente deu inicialmente resultado negativo na proba PCR, pero cando xa levaba oito días ingresado e pasara polos servizos de Urxencias, Curta Estancia e Pneumoloxía, deu resultado positivo. Nove días despois do ingreso, faleceu.
A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández- Arruti, explicou que se activou o protocolo preventivo por Covid-19 e someteuse a proba PCR a todos os profesionais que estiveran en contacto co paciente e só un deu positivo. Trátase dunha técnico que estivo aseando ao paciente o día 13 de agosto, sete días despois do seu ingreso e un día antes de que dese positivo.
En canto aos 33 profesionais en corentena nos seus domicilios, trátase de 16 do servizo de Pneumoloxía no que estivo ingresado durante días, 13 da Unidade de Curta Estancia na que ingresou inicialmente, tres do servizo de Urxencias no que foi atendido nun primeiro momento e tamén un cardiólogo que tivo que realizarlle unha valoración durante a súa estancia no hospital.
Este paciente ingresou por Urxencias o pasado 6 de agosto procedente de Venezuela. Trátase dun home con múltiples factores de risco cardiovascular e pulmonar e, tras unha valoración inicial, acordouse o seu ingreso hospitalario cun prognóstico grave. Ese día realizáronlle unha proba PCR que resultou negativa e ingresou primeiro na unidade de Curta Estadía e, posteriormente, na planta de hospitalización de Pneumoloxía.
O venres 14 de agosto, un día antes da súa morte, realizáronlle unha nova proba PCR porque se tivo constancia de que no voo no que viaxara este paciente desde Venezuela detectouse un caso positivo. Nese momento púxoselle en corentena e realizóuselle unha nova PCR. A proba realizóuselle ese mesmo día "por tratarse dun contacto estreito dun caso sen indicio de infección activa" e esa mesma tarde sóubose que daba resultado positivo.
O paciente estivo entre o 6 e o 14 de agosto en Montecelo sen corentena e sen activarse o protocolo da Covid-19, de modo que ese mesmo día o servizo de Medicina Preventiva iniciou o contacto cos profesionais de todas as categorías que o atenderon.
Ás 19.00 horas dese mesmo día iniciáronse o tests con PCR ao persoal que tivo maior risco de exposición. A algúns destes traballadores realizáronlle a PCR no seu posto de actividade e instóuselles preventivamente a comezar illamento domiciliario. Ao resto citóuselles no Covid-Auto instalado no Hospital Provincial esa tarde e na mañá do día seguinte, sábado 15 de agosto.
Ao longo da tarde dese mesmo sábado obtéñense os resultados das PCR realizadas. En total, foron 84: 7 celadores, 15 médicos, 54 sanitarios (enfermería e auxiliares) e 8 efectivos de limpeza. Foron todas negativas excepto a da técnico en coidados auxiliares de enfermería, que atendera ao paciente o día 13.