A pandemia obriga a cancelar a Festa da Mazá e da Sidra de Santomé
Por Redacción
A crise sanitaria da Covid-19 obrigará este ano a cancelar a XXII edición da Festa da Mazá e da Sidra de Santomé de Marín, prevista para os días 10 e 11 de outubro.
A edición XXII da Festa da Mazá e da Sidra de Santomé, se as condicións sanitarias o permiten, será celebrada o vindeiro ano para o goce de todas as persoas que a queiran visitar.
Esta é unha das festas gastronómicas máis importantes que se celebran no rural de Marín, que nos últimos anos foi un éxito e chegou a reunir a preto de 3.000 asistentes.
Na edición de 2019, a organización estimou a necesidade de recoller preto de 5.000 quilos de mazá para elaborar 2.000 litros de sidra, que dá conta do gran éxito que colleita esta celebración gastronómica. Debido a esta grande cantidade de asistentes, é complicado manter un control de aforo e das medidas de hixiene e seguridade necesarias por mor da crise da Covid19, para a súa celebración.