Cambio de tendencia na xeración de residuos: durante o estado de alarma subiu e en xullo baixou
O mes de xullo investiu a tendencia rexistrada durante o estado de alarma e as restricións derivadas pola pandemia do coronavirus. Fronte a un incremento na xeración de residuos urbanos de case o 3% que se produciu nos meses anteriores, neste último mes houbo unha caída do 3,67% respecto ao mesmo período de 2019.
Así, contabilizouse un descenso de 75.073,24 a 72.321,48 toneladas entregadas polos 295 concellos adscritos ao modelo de Sogama.
Desde Sogama destacan que é un dato positivo que se espera que marque tendencia para os próximos meses, tendo en conta que unha xestión sostible dos refugallos debe ter a súa pedra angular na prevención e na redución.
Pola súa banda, a achega á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos) continúa a súa boa evolución ao experimentar un incremento do 15,66%, pasando das 2.367,72 toneladas entregadas na planta de clasificación de Sogama en xullo de 2019 ás 2.738,40; unha cifra que evidencia de novo o compromiso da cidadanía coa reciclaxe e a protección ambiental.
As medidas hixiénico-sanitarias trouxeron consigo novos residuos, como son as luvas e máscaras. Respecto diso, Sogama lembra que estes materiais deben ser depositados no contedor verde convencional para que poidan ser procesados xunto coa fracción resto e, por tanto, valorizados enerxeticamente a máis de 850º C.
O seu destino xamais debe ser o contedor amarelo ou outros recipientes de recollida selectiva, dado o seu carácter de material non reciclable, debendo ser tratado en condicións adecuadas.
Relacionadas:
-
O lixo derivado da Covid-19: recollen 200 máscaras á semana das rúas do Grove
Por Redacción |
-
Sogama reciclou máis de 65.000 quilos de residuos sanitarios durante o Estado de Alarma
Por Redacción |
-
Sogama reactiva a contratación cun investimento de máis de 5 millóns de euros en melloras no seu complexo ambiental
Por Noticia patrocinada |