Satisfacción en Ponte Caldelas polo grande aumento de participación cidadá na Festa da Batalla
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas valorou "moi positivamente" o aumento da participación cidadá e dos establecementos comerciais e hostaleiros que durante a pasada fin de semana contribuíron co seu esforzo a que a presente edición da Festa da Batalla resultase un éxito de público, a pesar da coincidencia con celebracións similares en poboacións próximas de gran tirón turístico.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, tamén valorou moi positivamente o nivel de implicación dos participantes nos Xantares Populares realizados a beiras do río Verdugo, entre a pasarela de madeira e o Balneario que, este ano, rompeu o récord de asistencia e de laboriosidade na confección dos quioscos e improvisadas terrazas situadas no paseo.
Perfecto Rodríguez valorou tamén positivamente a animación de rúa desenvolvida por Temporarios ao longo dos dous días que contribuíu a entreter, durante os dous días, o numeroso público que se deu cita na Alameda con actuacións cómicas e circenses cada hora dende as 11 da mañá do sábado ata as 23:30 horas que pecharon a súa intervención cun espectáculo colorista onde os lumes de artificio e a pirotecnia tiveron un papel destacado. O domingo realizaron un repertorio similar que concluíu ás 22 horas con outro pasarúas nocturno con lume e animación.
En canto a outro dos obxectivos previstos polo Concello para a presente edición da Festa da Batalla, a reactivación económica da hostalería e o pequeno comercio, Perfecto Rodríguez sinalou que, aínda que estaba en proceso de valoración, se notou un aumento importante de público que aproveitou a súa estanza en Ponte Caldelas para visitar, consumir e facer compras nos variados establecementos da vila.
"Unha das razóns de ampliar a todo o fin de semana a celebración desta festa estivo motivado, precisamente -segundo sinalou Perfecto Rodríguez-, en favorecer que o fluxo de xente que se move con esta celebración puidese ter a oportunidade de coñecer as vantaxes do pequeno comercio de Ponte Caldelas e degustar as distintas ofertas gastronómicas e de consumo que ofrecen os establecementos hostaleiros da vila".