Xulgan tres acusados de transportar cocaína de Colombia a Marín a través dun polisón
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra reservou tres días desta semana para xulgar a tres persoas acusadas de tentar introducir polo porto de Marín un alixo de cocaína procedente de Colombia que foi interceptado a bordo do buque Cap. Beatrice a vinte millas das costas españolas,
A Fiscalía pide que os tres procesados sexan condenados a 36 anos de prisión. Para un dos investigados pide dez anos de cárcere e dúas multas de 1,9 millóns; e, para cada un dos outros dous, trece anos e medio de prisión e o abono de dúas multas de 5 millóns cada unha.
Os tres están acusados dun delito contra a saúde pública e o fiscal sostén que, en relación e coordinación con terceiras persoas cuxa identidade non puido ser determinada, concertáronse entre os meses de abril e maio de 2017 para facer chegar a Galicia unha importante partida de cocaína que partiu do porto de Cartaxena de Indias.
O xuízo comezará este luns 20 de xullo coa declaración dos tres acusados, H.C. P., de orixe colombiana e en situación irregular en España; R.P.R., veciño de Sanxenxo xa condenado pola Audiencia por tráfico de drogas; e L.C.C., con domicilio en Valga.
O alixo viaxou desde Colombia entre abril e maio de 2017 a bordo dun buque mercante cuxa roteiro aproveitaban para ese efecto para ocultar a súa ilícita actividade, unha partida de cocaína importada desde o outro lado do Océano Atlántico, que farían chegar a terra empregando unha embarcación propia dos procesados. O cidadán colombiano agora acusado viaxaba a bordo como polisón transportando a droga e os dous arousáns organizaron a operación.
O alixo frustrouse como resultado dunha operación da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil en Pontevedra, en colaboración coa Unidade Central Operativa e a Unidade de Drogas e Crime Organizado ( UDYCO), da Comisaría da Policía Nacional en Pontevedra e o Servizo de Vixilancia Aduaneira ( DAVA).
O capitán do buque alertáraos tras detectar a presenza dun polisón no interior dun guindastre do buque que portaba 52 ladrillos de cocaína. O polisón era o procesado H. C. P. e foi detido, pero ao mesmo tempo púxose en marcha unha operación policial na que, de modo encuberto, os axentes fixéronse pasaron polo cidadán colombiano nas comunicacións que este pretendía manter con quen debía recoller a cocaína que transportaba.
A idea era que o polisón saltase do buque para ser recollido pola embarcación do tamén acusado R.P.R.. Ao chegar ao lugar concertado, os investigadores arroxaron ao mar dous vultos que simulaban a droga xa interceptada e, a continuación, o procesado chamou ao polisón e díxolle: "negro lánzache ti tamén ao mar, que che recollo". Pouco despois, cando xa recollera a suposta droga, o procesado foi detido.
O terceiro acusado, L.C.C., coñecido como Nardo, foi detnido máis dun ano despois, en setembro de 2018, como resutado das investigacións realizadas polos axentes.
Relacionadas:
-
Penas de 7 a 10 anos de prisión para tres acusados dun alixo de 52 quilos de coca que un polisón transportou de Colombia a Marín
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía pide 30 anos para os tres acusados polos 62 quilos de coca que un polisón ía entregar na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O polisón e o lancheiro confesan que tentaron introducir 50 quilos de cocaína pola ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A ausencia de testemuñas principais apraza o xuízo dunha frustrada introdución de cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción |
-
Sae ao mar en lancha a recoller unha mochila con cocaína e alega que non sabía que levaba dentro
Por Natalia Puga |
-
Interceptan no Porto de Marín un polisón con 50 quilos de cocaína
Por Oskar Viéitez & Natalia Puga | Creada e actualizada