O polisón e o lancheiro confesan que tentaron introducir 50 quilos de cocaína pola ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dous dos tres acusados de introducir unha partida de cocaína na ría de Pontevedra nun buque mercante que se dirixía ao Porto de Marín recoñeceron este martes a súa autoría na primeira sesión do xuízo celebrada na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Admiten o feitos pero rexeitan a petición de condena que fai a Fiscalía.
Concretamente confesaron a súa participación nestes feitos o cidadán colombiano H. C. P. que viaxaba a bordo do barco Cap Beatrice como polisón, oculto nun guindastre, e levando consigo 52 'ladrillos' de cocaína e tamén admitiu a súa autoría R. P. R., un veciño de Sanxenxo que, como el mesmo explicou, era o encargado de ir coa súa lancha ata unha localización na ría facilitada por unhas coordenadas onde recollería un "vulto".
O terceiro acusado, que negou a súa participación, é L. C. C. un veciño do municipio pontevedrés de Valga, que segundo a Fiscalía estivera en contacto co polisón colombiano para concertar a introdución da partida de cocaína en Galicia.
O fiscal delegado da Fiscalía Antidroga de Pontevedra, Pablo Varela considera aos tres procesados autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e solicita que H. C. P. sexa condenado a unha pena de 10 anos de prisión, e ao pago de dúas multas que suman case 4 millóns de euros. E para R. P. R. e L. C. C., pide as penas de 13 anos e medio de cárcere e multas que suman 10 millóns de euros para cada un deles.
Segundo explicaron o colombiano, que non identificou aos outros dous compañeiros de banco, unha persoa contactou con el no seu país e sabendo da súa intención de viaxar a España propúxolle que "si quieres ganarte un dinero extra yo puedo contactarte con una gente". Estas persoas entregáronlle un teléfono móbil e un navegador GPS "y me dijeron que cuanto estuviese cerca de la orilla ellos me recogerían".
Este home coouse como polisón nun mercante que partiu de Colombia no 23 de abril de 2017 con destino á terminal de Marín pero foi descuberto aos tres días sendo detido polo capitán do barco, que o comunicou coas autoridades españolas.
Axentes policiais e de Aduanas saíron ao encontro do mercante, ao que chegaron o 4 de maio facéndose cargo do polisón, ao que lle interviñeron os 50 quilos de droga, diversos documentos con anotacións, tarxetas bancarias, tarxetas de teléfono, unha emisora portátil, un móbil e un GPS cunhas coordenadas que se correspondían cun punto no mar, fronte á entrada da ría de Pontevedra.
Con autorización xudicial os axentes da Garda Civil fixéronse pasar polo acusado respondendo as chamadas ao seu teléfono e continuaron co plan simulando a entrega da droga.
Segundo explicou durante a vista oral o director deste operativo por parte da Garda Civil, ao entrar o mercante na ría de Pontevedra, segundo o plan acordado, os axentes lanzaron á auga uns vultos para facelos pasar pola droga, e cando o lanchero de Sanxenxo envioulle unha mensaxe ao seu socio colombiano para que se tirase á auga, procedeuse á abordaxe da pequena embarcación.
Este mozo de Sanxenxo, que traballaba esporadicamente como percebeiro, relatou a preguntas da Fiscalía que "un señor alto" propuxéralle un traballo a cambio de pagarlle as débedas. Tiña un préstamo de 37.850 euros avalado pola súa nai e debía diñeiro pola súa adicción á cocaína.
As instrucións que lle daba, e que levaba anotadas nun papel, era que "tenía que estar en esas coordenadas y si aparecía algo tenía que recogerlo" asegurando que "yo no sabía lo que tenía que recoger" e por iso "estuve dando vueltas como un gallo sin cabeza por la ría".
Unha vez detido, interviñéronselle varias tarxetas, documentación do barco, dous teléfonos, unha radio e un GPS. No seu domicilio de Sanxenxo, a Policía atopou diversas cantidades de cocaína, MDMA, cannabis e outras drogas, varios teléfonos, tarxetas, anotacións e dúas pistolas.
Este mozo tampouco recoñeceu ao terceiro procesado L. C. C., un transportista de Valga que usaba o alias de "Cristóbal" e que tan só quixo responder as preguntas do seu avogado.
"Cristóbal" negou diante do tribunal a súa participación neste feitos pero a intervención dos seus teléfonos feita polos investigadores permitiu comprobar, segundo a Garda Civil, que participara nunha operación de narcotráfico en maio de 2017 e que estaba a preparar outra nese momento. Estas escoitas así como o rexistro das súas mensaxes recolleron conversacións deste home co polisón colombiano.
Ademais, no rexistro do seu domicilio, atopáronse anotacións sobre matrículas de coches, números de teléfono, un código de encriptado alfanumérico, instrucións sobre como saber se un terminal está intervido, e documentos relativos a voos con destino a Colombia (onde viaxara polo menos 5 veces nos últimos 6 anos).
IMPUGNACIÓN
Os maxistrados da Sección Segunda rexeitaron as impugnacións feitas ao comezo do xuízo polo avogado que exerce a defensa de "Cristóbal". Este letrado chegou a pedir a suspensión da vista por unha matización no seu escrito de acusación feita polo fiscal.
Ademais expuxo como cuestións previas a nulidade das probas documentais que presenta o Ministerio Público e impugna o rexistro en casa do seu cliente, dos seus equipos informáticos ou de escóitalas telefónicas. "Una impugnación llena de generalidades sin concretar" e presentadas "de un modo absolutamente arbitrario" valorou Pablo Varela.
Despois dun breve receso para estudar as formulacións deste avogado da defensa o tribunal acordou que a suspensión do xuízo non estaba xustificada e, en sintonía coa tese da Fiscalía, considera que esta impugnación é "xenérica e imprecisa, non causou indefensión".
O xuízo continuará este mércores nunha última sesión na que se espera que este caso quede visto para sentenza.
Relacionadas:
-
Penas de 7 a 10 anos de prisión para tres acusados dun alixo de 52 quilos de coca que un polisón transportou de Colombia a Marín
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía pide 30 anos para os tres acusados polos 62 quilos de coca que un polisón ía entregar na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A ausencia de testemuñas principais apraza o xuízo dunha frustrada introdución de cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción |
-
Xulgan tres acusados de transportar cocaína de Colombia a Marín a través dun polisón
Por Natalia Puga |