Impulsan un servizo para retirar e tratar os lodos das 24 depuradoras de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade saca a licitación un novo servizo para a retirada, transporte e tratamento dos lodos e outros residuos acumulados nas 24 depuradoras municipais. Os residuos retirados recibirán un tratamento biolóxico.
O servizo sae a licitación por espazo de dous anos cun orzamento global de 99.176 euros, a razón de 49.588 euros por exercicio.
O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 29 de xullo e está previsto que o novo servizo entrará en funcionamento no mes de agosto e estará activo inicialmente ata xullo de 2022.
O alcalde, Jorge Cubela, indica que aínda que as depuradoras do concello funcionan "razoablemente ben" impulsan este servizo porque buscan "seguir mellorando". Considera que con este servizo “acadaremos un funcionamento óptimo" nestes recintos e "conseguiremos que os residuos se xestionen de modo adecuado”.
A empresa que resulte adxudicataria deberá proceder ao baleirado de lodos, graxas e residuos sólidos e semisólidos das 24 depuradoras municipais, que adoitan oscilar entre as 300 e 600 toneladas anuais, seguindo as indicacións do coordinador municipal.
A retirada destes excedentes deberá efectuarse deixando alomenos un terzo do caudal co obxectivo de garantir a reactivación dos procesos biolóxicos de cada recinto e posteriormente acometerase unha limpeza das conducións internas, de entrada e de distribución de auga residual.
A planificación destes traballos, que rematará coa entrega destes lodos e residuos a unha planta de xestión autorizada, contempla unha limpeza anual en 13 depuradoras, dúas noutras 6 e tres nas 5 restantes atendendo á súa capacidade e ao seu volume.