Colisión frontal na N-640 en Caldas que deixa tres persoas feridas
Por Redacción
Tres persoas resultaron feridas e precisaron de asistencia médica como consecuencia do accidente que se producía na mañá deste luns 13 de xullo entre dous vehículos na estrada Nacional 640 ao seu paso polo municipio de Caldas de Reis.
Segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias 112 Galicia, o impacto frontal provocou que un dos coches ardera afectando a toda a parte dianteira do turismo.
O accidente rexistrábase ao redor das 11.00 horas na parroquia de Santo André de César. Un particular chamaba ao 112 Galicia para alertar do accidente indicando que se produciu un choque frontal entre dous turismos e que tres ocupantes precisaban de atención sanitaria. Dúas destas persoas feridas, un home e unha muller, en estado consciente, foron trasladados a un centro sanitario para a súa exploración, segundo informa Protección Civil de Caldas de Reis.
Desde o operativo de emerxencias trasladouse o aviso aos profesionais de Urxencias sanitarias de Galicia 061 e tamén se avisaba a Protección Civil de Caldas e Cuntis, ademais de solicitar a colaboración dos Bombeiros do Salnés para que acudiran á zona xa que, entre as persoas feridas, había unha que precisaba axuda para saír do coche sen que finalmente fose necesario utilizar os equipos de excarceración.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico, que tamén acudían ao lugar do accidente, solicitaron a través do 112 a colaboración de equipos do Ministerio de Fomento para retirar todos os restos dos vehículos espallados pola estrada debido ao impacto e restablecer todas as condicións de seguridade para que se garantise a seguridade na circulación.