Un paciente ingresado en Montecelo eleva a seis os casos activos por coronavirus
Por Alejandro Espiño
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve ter un paciente hospitalizado por coronavirus. Tras mes e medio sen infectados nos hospitais pontevedreses, unha persoa foi ingresada en Montecelo tras dar positivo por COVID-19 e necesitar asistencia médica.
Así o comunicou este luns o Servizo Galego de Saúde, que explica que este novo positivo eleva a seis os casos activos por coronavirus en Pontevedra.
O primeiro paciente que recibe o Complexo Hospitalario de Pontevedra en 45 días está ingresado en planta, polo que a UCI mantense por agora libre de coronavirus. Tampouco hai casos no Hospital do Salnés nin no Hospital QuironSalud Miguel Domínguez.
Os outros cincos pacientes con coronavirus que se manteñen como casos activos atópanse nos seus domicilios, onde reciben seguimento dos servizos médicos.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 262. Deles, 24 son da área da Coruña, 200 da de Lugo, 4 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 11 da área de Vigo, 16 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 255 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.943 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 218.587 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 262 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Sete casos seguen activos por COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria suma un novo caso activo de coronavirus e alcanza os sete
Por Natalia Puga |
-
Cinco casos activos de coronavirus na área sanitaria, un máis que o sábado
Por Natalia Puga |
-
Catro casos activos manteñen a presión da COVID-19 na área sanitaria
Por Alejandro Espiño |