Comeza unha semana onde os termómetros superarán todos os días os 30 graos nas Rías Baixas
Por Redacción
As Rías Baixas mantéñense baixo o dominio das altas presións que se atopan situadas ao leste das illas Azores. Os ceos durante esta xornada do luns 13 de xuño seguirán despexados en xeral. As temperaturas ascenderán desde os 18 aos 33 graos, unha lixeira baixada respecto ao fin de semana. O vento continuará soprando do nordés moderado, segundo o servizo de Meteogalicia.
Durante esta xornada a temperatura da auga que baña o litoral atlántico na provincia de Pontevedra situarase sobre os 16 graos. E o índice ultravioleta estará en 9, o que supón un risco moi alto de dano por exposición ao sol sen protección. Recoméndase minimizar a exposición ao sol entre as 10.00 e as 14.00 horas e tomar precaucións adicionais porque a pel e os ollos sen a protección necesaria poden resultar danados e queimarse.
O martes 14, a provincia de Pontevedra continuará afectada polo anticiclón que se atopa ao oeste de Galicia e con circulación de nordés. A xornada transcorrerá con ceos pouco nubrados en xeral e temperaturas con mínimas de 17 graos e máximas de 30, que descenderán lixeiramente. Os ventos soprarán moderados do norte, con intervalos fortes na zona de litoral.
Os ceos manteranse pouco nubrados ou despexados durante o mércores 15. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso mentres que as máximas serán algo máis altas chegando aos 31 graos. Os ventos soprarán moderados do nordés.
Unha situación similar rexistrarase tamén o xoves nas Rías Baixas, marcada pola influencia anticiclónica e a circulación do aire do nordés. Os ceos seguirán despexados ou pouco nubrados con temperaturas máximas que aumentarán lixeiramente mentres que as baixas descenderán para establecerse entre os 14 e os 33 graos.
A medida que avance a semana, as condicións de sol e calor intenso serán predominantes, especialmente a partir do venres, superando os 31 graos, coa presenza de aire cálido procedente do sur.