O Concello acomete unha remodelación do Local Social de Folgoso
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar coas obras de remodelación e mellora do Local Social da parroquia cerdedense de Folgoso, que se enmarca no Plan de Centros Veciñais co que se pretende completar a rede destas infraestruturas no presente mandato coa construción de novos inmobles ou o arranxo dos preexistentes.
Con motivo desta actuación, o alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro achegáronse ata Folgoso para visitar e comprobar o resultado da reforma das instalacións e manter un encontro cos veciños para abordar o estado das súas peticións, formalizadas nunha xuntanza xeral celebrada o pasado mes de novembro.
En canto ao Local Social, o Concello acometeu unha importante remodelación, xa que se procedeu ao pintado xeral do inmoble, o arranxo das humidades existentes e de filtracións de auga e a reparación de todas as portas interiores, así como outros pequenos axustes. "Cos traballos realizados, que foron os pedidos polos veciños e os que demandaba o estado do local, cremos que esta instalación veciñal queda en perfectas condicións para a actividade social e cultural de Folgoso", detallou Cubela.
Polo demais, no contacto cos veciños tamén se analizaron outras cuestións pendentes xa que, tras iniciar o plan municipal de desbroces por esta parroquia e xestionar os postes de telefonía, o goberno local vaise afanar agora na execución dalgún proxecto de mellora de pistas, a dotación de canalizacións de augas pluviais e a incorporación plena á rede de compostaxe de lixo.
Así mesmo, sobre a mesa tamén estivo a dobre demanda cursada polo Concello ao Goberno de España para que proceda á redución da velocidade entre os puntos quilométricos 60 e 61 da N-541 ao seu paso por esta parroquia para reducir o risco de sinistralidade e a extensión das beirarrúas entre os lugares de Covas e Cachofés. "Polo momento non obtivemos nin resposta, o que demostra unha falla de respecto máis do ministerio con Cerdedo-Cotobade, pero dende o Concello non deixaremos de insistir o que sexa necesario para que ambas actuacións, xustas e necesarias, se consigan en beneficio dos veciños de Folgoso", concluíu o alcalde.